II Premios Pardo Bazán no País das Rías

Clamor das redeiras de A Guarda
fronte ao intrusionismo

O relevo xeracional, a competencia ilegal e a visibilización do sector foron protagonistas da Charla - Coloquio da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, gañadoras dos II Premios Pardo Bazán no País das Rías, organizada por FARO en colaboración coa Deputación de Pontevedra

Marina Álvarez e Sara González, presidenta e secretaria  da asociación (no centro); a deputada de  Igualdade, Sandra Bastos (dereita); e a xornalista de FARO Carla Mañas, durante a charla coloquio celebrada en A Guarda.

Marina Álvarez e Sara González, presidenta e secretaria da asociación (no centro); a deputada de Igualdade, Sandra Bastos (dereita); e a xornalista de FARO Carla Mañas, durante a charla coloquio celebrada en A Guarda. / R. Grobas

María Bueno

María Bueno

A Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, merecidísimas gañadoras na categoría de Feminismo dos II Premios Pardo Bazán no País das Rías, organizados por Faro de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, protagonizaron onte en A Guarda unha charla-coloquio que serviu para visibilizar o papel das mulleres no sector do mar en Galicia e reivindicar o futuro do seu oficio fronte a competencia ilegal

A cita, que comezou pasadas ás 18.00 horas no marabilloso espazo da nave da asociación no porto pesqueiro e estivo moderada pola xornalista Carla Mañas, contou coas testemuñas de Marina Álvarez Rodríguez, presidenta da asociación, e Sara González Pacheco, secretaria desta entidade da que, aos seus 30 anos, é a integrante máis xoven. Na súa intervención, estiveron acompañadas pola titular de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos

Un evento no que tamén estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Roberto Carrero, quen deu a benvida á charla; e o Director Xeral de Prensa Ibérica Galicia, Juan Carlos Da Silva, e que serviu para pór en valor a labor da asociación pola visibilización e a profesionalización de redeira, un oficio tan duro como preciso para que os nosos barcos podan saír a pescar cada día e un elemento fundamental da nosa identidade. 

Durante o encontro, tanto Álvarez como González compartiron as súas propias vivencias persoais como parte da “familia” da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda, un exemplo paradigmático que “pon rostro a todas as mulleres do mar, traballadoras incansables, que desde sempre loitaron nun sector de homes no que elas foron e seguen sendo indispensables”, en palabras do xurado dos II Premios Pardo Bazán no País das Rías. 

Algo que tamén quixo salientar a deputada de Igualdade. “Parabéns polo premio. O mar comeza con M e, nesta provincia, o mar ten moito de muller, e é algo que temos que coidar, estou desexando escoitarvos”, dixo Sandra Bastos. 

Máis inspeccións e trazabilidade nas redes

Unha conversa que ao tempo quixo ser unha merecida homenaxe ás integrantes da asociación, e na que houbo tempo para rememorar xuntas as anécdotas dos comezos, pero tamén e sobre todo para as reivindicacións de medidas que garantan o futuro do sector

O relevo xeracional e o intrusionismo foron os claros protagonistas dunha xornada na que a presidenta da Asociación, Marina Álvarez, foi a encargada de poñer cifras ao risco de desaparición deste oficio milenario, que en menos dunha década reduciuse a máis da metade en Galicia, pasando das 750 redeiras en 2014 ás pouco máis de 300 en 2023. 

Marina Álvarez: “Nunha década, o número de redeiras en Galicia reduciuse en máis da metade”

Nesta liña, Álvarez insistiu en que “hai traballadoras, raparigas dispostas a aprender”, pero que, pola contra, o que está a faltar actualmente é traballo, unha situación da que culpou á competencia ilegal. 

“Estamos paradas porque hai xente facendo o noso traballo de xeito ilegal. Os homes do mar xubílanse aos 55 anos e, unha vez en terra, que saben facer eles? Redes. Onde antes tiñamos a un ilegal, agora hai dous. Co número de barcos que están faenando agora en Galicia, máis de 4.000 só en baixura, tíñanos que sobrar o traballo”, denunciou a presidenta para pasar ás solucións e apuntar á trazabilidade destes aparellos como medida chave. 

“Como se fai no propio peixe ou con calquera outro produto de alimentación, teñen que pedir a trazabilidade das redes; que se esixa un cuño, un chip ou algo que indique que foron elaboradas por traballadoras legais para poder entrar no porto”, reivindicou para engadir: “Todos os sectores están controlados menos o noso. Encontrámonos impotentes. Somos mulleres e como somos mulleres non se nos escoita. Dinnos que si, que si, pero non arranxan o problema”.  

Sara González: “Por moito que vaian os barcos ao mar, sen redes non se pesca. Temos que garantir o futuro do sector, loitar contra a competencia ilegal que nos quita o traballo e que funde os prezos e mostrar que hai camiño para as que veñen porque nisto vai o interese de todos”

“A min xa non me queda nada no convento, quédame un ano e medio para xubilarme, pero gustaríame que cando me fora de aquí, isto seguirá funcionando”, dixo Marina para deixar paso a Sara González, filla e neta de redeiras, que creceu literalmente entre os fíos deste sector e quen puxo en valor “o compañeirismo e o apoio que as integrantes da asociación se prestan unhas a outras”. 

Aos seus 30 anos, tamén quixo aproveitar a súa intervención para clamar fronte ao instrusionismo e reivindicar a necesidade e loitar para que este coñecemento non se perda: “Sen nós, non se pesca. Por moito que vaian os barcos ao mar, sen redes non se pesca. Temos que garantir o futuro do sector, loitar contra a competencia ilegal que nos quita o traballo e que funde os prezos e mostrar que hai camiño para as que veñen porque nisto vai o interese de todos”.

Inspiradas en antigos obxectos do mar, as lámpadas ‘Volanta’ e ‘Saia’ están tecidas artesanalmente polas redeiras con redes de pesca que volveron do mar.

Inspiradas en antigos obxectos do mar, as lámpadas ‘Volanta’ e ‘Saia’ están tecidas artesanalmente polas redeiras con redes de pesca que volveron do mar. / Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda

Artesanía que volve do mar á vida

  • Colgantes, chales, bolsos e mesmo lámpadas
  • As redeiras da asociación Atalaia reutilizan redes de pesca para crear produtos únicos

Especialistas en fabricar e reparar aparellos e artes de pesca, as redeiras da Asociación Atalaia da Guarda levaron o seu oficio un paso máis alá cando, hai agora pouco máis dunha década, decidiron dar unha segunda vida ás redes coas que traballaban a través da creación de produtos artesáns. 

Conta Marina González, actual presidenta da entidade, que era unha época de pouco traballo como a actual e que estaban “desesperadas” cando lles xurdiu a oportunidade de participar nunha formación pública de artesanía. 

“Fixemos os cursos e empezamos a facer os produtos”, relata con sinxeleza como a entidade soubo facer da crise unha oportunidade a través da que obteñen financiación para facer fronte aos gastos da entidade, ademais de gañar visibilidade e contribuír á economía circular e ao coidado do seu medio de vida: o mar. 

A Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda escolleu esta foto para reivindicar que “xuntas somos máis fortes” este 8M.

A Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda escolleu esta foto para reivindicar que “xuntas somos máis fortes” este 8M. / Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda

Desde entón, dan unha segunda vida ás redes en forma de fermosos e singulares produtos como colgantes, foulares, chales, bolsos e mesmo bandexas ou lámpadas tecidas a man seguindo a técnica de armado de redes.

Pezas únicas a través das que teñen colaborado con Adolfo Domínguez e mesmo coa Copa América de Vela, para as que contan coa implicación da deseñadora Amalia Puga, orixinaria de A Guarda, que comezou a colaborar con elas para o seu traballo de fin de grado, premiado en Barcelona, e que permanece ligada ao proxecto. 

Unha mostra deste traballo puido verse e adquirise durante a charla - coloquio deste martes organizada por Faro de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, grazas ao marabilloso espazo habilitado na nave da asociación, que contou co mar e a historia da asociación como inmellorable fío condutor. 

Os interesados en adquirir os produtos da asociación poden facelo tanto presencialmente na súa nave como a través do teléfono da entidade ou a través de mensaxe directa no instagram @Redeiras da Atalaia. A maiores, están preparando unha páxina web que estará dispoñible pronto.