Todo sube e tamén casar: unha voda custa de media 26.000 euros

Os matrimonios en Galicia incrementáronse en 2022 respecto ao ano anterior | O sector nupcial considera que o 2023 foi incluso mellor e, a pesar dos prezos, vaticina que o 2024 será polo menos igual de positivo

Todo sube e tamén casar: unha voda custa de media 26.000 euros

Todo sube e tamén casar: unha voda custa de media 26.000 euros / alba prada

alba prada

A pesar de que a xuventude adoita dicir que non vai casar, a realidade é que o sector dedicado ás vodas está satisfeito porque, segundo datos do IGE, a cantidade de enlaces subiu no 2022 (os datos máis recentes que dispoñen) con respecto ao ano anterior. De feito incluso logrou superar a cifra de 2019, un ano que dende o sector consideran moi bo. Deste xeito, en 2022 casaron na comunidade 9.508 parellas ( no 2021 foran 8.481), e delas, “tirando pola baixa, polo menos a metade fixeron unha festa”, explica Ana Santervás, presidenta da Asociación de Profesionales de Galicia de Bodas y Eventos (Aprogabe).

“Esta subida debeuse a que aínda se notaron os efectos da pandemia. Todas esas persoas que non casaron no 2020 fixérono nos anos posteriores”, considera. Esta asociación, que nacía a raíz da pandemia para lograr unir e crear sinerxias entre os diferentes sectores que forman parte dunha voda, está conformada por máis dun cento de membros. Un 70% asegura que o 2023 foi aínda mellor que o 2022 e un 60% considera que este 2024 será polo menos tan positivo como o ano pasado.

Iso si, todo aquel que case este ano debe ter claro que gastará máis que o ano anterior. E é que, menos os soldos, todo sube. “Case o 50% dos provedores que forman parte da asociación subiron os prezos nun 5% e un 25% incrementáronos nun 10%”, explica Ana Santervás, que se dedica á fotografía. “Unha parella galega gastaría de media uns 26.000 euros”, indica. “Con todo, sempre se pode baixar esa cifra”, tranquiliza.

Idade

Escoitar unha cantidade semellante asusta, e moito. Sobre todo porque a xente nova sobrevive a duras penas, con soldos mínimos, alquileres polas nubes ou hipotecas que probablemente acaben de pagar os fillos (e iso, se se é tan valente como para atreverse a telos). Non obstante, hai que pensar que as vodas en certo modo sobreviven porque cada vez os galegos casan máis tarde. “Segundo datos do IGE, a media está entre os 30 e 34 anos. Un 26% dos galegos casan nesta franxa de idade e ademais un 80% emancípase tamén con estos anos”, indica Ana. “É por iso que as parellas casan cando xa viven xuntos ou incluso cando xa son pais. Teñen a vida feita e os invitados agasállanos con aportacións económicas que lles axudan a pagar en boa parte o banquete”, di. E é que moi atrás quedou o de agasallar coas típicas vaixelas ou incluso que os pais paguen a voda. “Normalmente os pais fanlles un regalo máis xeneroso, pero é a parella a que paga axudada polos invitados. Se tes un pequeno colchonciño reservado, con esta aportación, xa se paga a festa”. E é aquí un factor polémico deste tipo de celebracións, moitas veces criticado, sobre todo polos solteiros: o habitual en Galicia é pagar o prezo do prato e algo máis, e desta forma aos noivos, a celebración sáelles moito máis barata. Por iso hai moito solteiro que di que terá que casar só para recuperar todo o diñeiro que leva investido nas vodas de amigos e familiares...

Consumo distinto

As vodas xa non son o que eran. “Cambiamos totalmente a forma de consumir. Antes o que máis se valoraba eran a comida e o fotógrafo. Agora, non obstante, entran en xogo moitos detalles, e neles xa se inviste boa parte do presuposto”, indica Ana Santervás. “Cada ano vanse vendo novidades, como por exemplo instalar un touro mecánico, e moitos noivos incorporan as novidades á celebración”, di. “A decoración agora adoita ser moi espectacular. Escóllese o tipo de vaso, a mantelería, o prato... ás veces as mesas están tan saturadas que semella que non queda espazo para a comida”, considera. Por conseguinte, entra en acción a figura do decorador, e tamén a do iluminador, posto que moitos noivos danlle gran valor á disposición das luces.

Mes favorito

En Galicia, setembro segue a ser o mes favorito. “A maioría dos noivos escollen a primeira e segunda semana deste mes. Nos últimos veráns, en setembro sempre fixo moi bo tempo, incluso máis que en agosto, pois sempre ten días nos que chove”, di. E o día que primeiro se esgota segue a ser o sábado. “Non obstante hai cada vez máis parellas que se animan a casar en venres ou domingo porque normalmente os provedores fan algún desconto”, di Ana.

Os meses máis parados son xaneiro e febreiro, pero cada vez hai máis vodas en outubro, e incluso en novembro ou decembro. “De feito hai noivas de inverno ás que non lles importa que chova e van encantadas co vestido de manga longa”, explica.

Reservas

O primeiro que reserva unha parella cando decide facer voda é o establecemento, e despois o fotógrafo. “Normalmente faise ano e medio ou dous anos antes”, sinala a presidenta de Aprogabe. De feito xa hai reservas para 2025, e iso que aínda estamos en febreiro... A pesar da subida xeralizada dos prezos, as vodas non cesan en Galicia. As celebracións na nosa comunidade gustan, e moito.

Suscríbete para seguir leyendo