Os mitos e complexos gregos volven ao Gaiás con Antón Reixa e Antela Cid

O autor explora o complexo de Polícrates e a súa posible relación con Rosalía de Castro

Antela Cid tirará abaixo a suposta covardía de tres personaxes femininos helénicos

Antela Cid (1e) e Reixa (2e), onte no Gaiás. |   // CIDADE DA CULTURA

Antela Cid (1e) e Reixa (2e), onte no Gaiás. | // CIDADE DA CULTURA / m.m.

Mar Mato

Mar Mato

A Biblioteca Virtual Cervantes sinala que o complexo de Polícrates é unha doenza psíquica que provoca a infelicidade ou o fracaso dunha persoa que cando se atopa no punto de éxito teme que sexa castigada pola excesiva felicidade. Como exemplo, a mesma entidade sinala a Rosalía de Castro como unha persoa que podería padecer este complexo, atendendo ao sinalado polo doutor Rof Carballo pola melancolía profunda ao temer que lle sobreviviría a infelicidade. Independenetmente de que Rof estea no certo ou non  (habería que reflexionar nas penurias económicas que sufría De Castro, as infidelidades do marido máis o abandono durante longas tempadas para estar coas súas amantes en Santiago e en Madrid), o creador Antón Reixa plasmará este tema en “Míticas pero secundarias”.

Trátase dun espectáculo que verá a luz no Gaiás os días 23 e 24 de febreiro, a partir das 20.30 horas, promovido pola Xunta dentro do ciclo “Clásicas Desfeitas” no que tamén participará a intérprete Antela Cid.

A primeira parte, a de Reixa, leva por título “A infeliz felicidade e o prezo do aceite”. Segundo unha nota da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o creador propón nela “unha sátira que relaciona o mito grego con Rosalía de Castro e, por extensión, coa idiosincrasia galega”. Nesta peza, colaboran Chus Pato, Quico Cadaval e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Para Reixa, “podería ser unha sorte de sabedoría crítica ou preventiva propia dos galegos” o complexo de Polícrates.

A segunda peza, de Antela Cid, tamén recupera as vidas de personaxes esquecidos pola literatura do drama grego. No seu caso, elixiu a Ismene, irmá de Antígona; Crisótemis, irmá de Electra; e Políxena, irmá de Paris.

En xeral, diferentes críticos teñen acusado as tres irmás de covardes e sometidas. Porén Antela Cid considera que “estas tres mulleres –Ismene, Crisótemis e Políxena– son en realidade un exemplo de fortaleza ao elixir a vida e o amor por enriba da violencia e o poder”, sinala a Xunta nunha nota.

No seu caso, colaboran a poeta Silvia Penas (deseño de vestiario); o músico Carlos Segovia cos arranxos das cancións que cantará Antela no palco; a artesá Elvira Valle que elaborou unha peza de cerámica exclusiva para a actuación e a escenógrafa Violeta Martínez (iluminación).