Un instrumento único feito con madeiras das catro provincias

O luthier Adrián Martínez Pereiro proxecta a creación dun violonchelo funcional con pino vermello de Bergondo, castiñeiro do Courel, salgueiro de Pontevedra e teixo de Ourense

Adrián Martínez Pereiro, no seu taller de Cambre.

Adrián Martínez Pereiro, no seu taller de Cambre. / Pedro Pasto

M. González

M. González

“Escollín o camiño difícil. Son un de moitos que se decidiu polo camiño das silveiras e das xestas, onde había que subir altas penas para atopar o sendeiro”. Son as verbas de Adrián Martínez Pereiro na Gala ‘ensaia’ 2023, na que foi elixido como o receptor dunha bolsa de 6.000 euros, co que poderá poñer en marcha o seu proxecto de “dar outra vida a un elemento da natureza”. 

A iniciativa parte dun movemento social que, “en forma de comunidade e cunha visión de longo prazo, busca visibilizar e impactar positivamente no talento de Galicia”. Nesta segunda edición da Bolsa “ensaia” houbo 116 candidaturas e oito finalistas, entre os que destacou a proposta do luthier de Cambre, que presento un proxecto que levaba por nome “Un violonchelo e catro historias”, co que pretende crear unha peza única, elaborada con catro madeiras das catro provincias galegas compartindo, en cada madeira, unha historia dun proxecto vencellado a Galicia, con impacto nos campos cultural, tradicional ou artesán.

Ademais, coa intención tamén de poñer en valor e visibilizar o seu oficio, desexa facer un documental de divulgación deste proxecto, ou dar a coñecer os resultados acústicos sobre as madeiras empregadas, abrindo camiño a futuras investigacións.

O luthier cualifica como “fantásticos” as candidaturas desta edición. “Eu aínda non me creo moi ben que me deran a bolsa”, recoñece. Unha bolsa que lle permitirá, nun prazo duns doce meses, facer realidade o seu proxecto. “Xa teño polo miúdo planificado o ano para estar totalmente enfocado no instrumento”, anuncia. “Levaba coa idea de facelo dende hai bastante tempo, pero había unhas historias que coñecía que me parecían incribles e quería ir con estas historias da man”, engade. 

É un instrumento moi físico cando o estás a construír, estalo abrazando continuamente, agarrándoo cunha forza... Coma se fose un irmán máis pequeno

Deste xeito, pretende, ademais de construír o instrumento e poñer en valor as propiedades e utilización de materias primas como a madeira obtida en Galicia, amosar as historias de persoas novas con labores de impacto cultural, social e económico en Galicia e fialas coa construción do violonchelo. “É un instrumento moi físico cando o estás a construír, estalo abrazando continuamente, agarrándoo cunha forza... Coma se fose un irmán máis pequeno... Transmite moitísimas sensacións”, di sobre un instrumento que lle apaixona.

Así, o violonchelo estará construído co pino vermello que aportará o escultor en motoserra de Bergondo Iván Matos, que se usará para a tapa do instrumento. Para os aros empregará o castiñeiro de Javier Merelas (Seceda, O Courel), que lidera o proxecto “Lar da Cima”, co que pretende dignificar o rural coa reconstrucción de dúas casas en Seceda, unha zona rural de menos de 1.000 habitantes e sen relevo xeracional. Para o batedor do violonchelo empregará o teixo que aportan Elba e Pedro, de Casaio (Ourense), dous mozos que rehabilitaron a antiga escola do pobo e convertérona nun albergue turístico. “Eco dos Teixos”. El mesmo aportará o salgueiro co que fará o fondo e os aros do violonchelo. No seu caso representará á Pontevedra, na que se encadra tralos seus primeiros pasos como luthier na EMAO de Vigo, da man do mestre Ramón Casal, co que constrúe o seu primeiro instrumento, unha viola da gamba. 

Adrián Matínez Pereiro, en el centro, con los finalistas, participantes y organizadores de la Gala 'ensaia' 2023.

Adrián Matínez Pereiro, en el centro, con los finalistas, participantes y organizadores de la Gala 'ensaia' 2023. / Cedida

Tamén fai alusión ó músico coruñés Saúl Nogareda, que aporta a súa técnica musical, e a colaboración da escola vasca de luthería de Bilbao BELE (Bilboko Euskal Lutheria Eskola), onde Adrián Martínez continuou cos seus estudios tralos comezos en Vigo. “Eu non quería facer un elemento de mercadotecnia, tiña moi claro que o que quería era facer un instrumento funcional”, subliña. “A idea é que as madeiras que se van a empregar, que saen de Galicia, teñen unhas densidades moi semellantes ós materiais clásicos empregados (abeto, pradairo e ébano). Buscamos que se sosteña sobre uns parámetros acústicos que estean fundamentados e que sexa un proxecto que poda axudarnos a obter información para que, de cada a un futuro, isto poida servir para empregar estas madeiras”.

A pretensión do documental é “que se unan esas historias co instrumento, que sexa unha simbiose”. Ademais de compartir o desenvolvemento do proxecto nas redes sociais, tamén pretende facer un concerto benéfico, con música feita por compositores mozos galegos. “Gustaríame recadar fondos para proxectos vinculados coa promoción musical en países en situación de pobreza, e apoiar tamén os proxectos de Iván Matos, Javier Merelas, Elba e Pedro, e de Saúl Nogareda; ademais de contribuír a que a xente saiba que é “ensaia” e que gracias a este movemento isto pode facerse. A idea é que sexa unha cadea”, di o luthier, que xa anuncia que “eu vou a ser pinga (cada un dos doantes da bolsa)”. “Estou moi agradecido de que me dean esta oportunidade”.