Entrevista | Antón Lopo Poeta, editor

“O romanticismo foi unha liberación pero ten que ir adaptándose ás circunstancias”

Inaugura nova editorial e reflexiona: “Estamos nunha deshumanización da sanidade”

Antón Lopo co seu libro

Antón Lopo co seu libro / José Lores

Mar Mato

Mar Mato

“Diario / 1 [Azul Monforte]” é un deses libros que leva a poesía máis alá. Vén de chegar a súa segunda edición cun novo selo editorial, Noudelo e Ribón baixo o paraugas da Fundación Novoneyra. A obra fora Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria. Falamos co seu autor, Antón Lopo, quen nela trata temas como a pegada do lugar de procedencia, a relación co cordón umbilical, a morte da nai, a homosexualidade, a sexualidade e o devir do ser humano nas últimas fases da súa vida.

–É unha segunda edición moi coidada e que ademais estrea nova editorial.

–Atópome moi agradecido á Fundación Novoneyra. As lectoras axudaron a chegar a esta nova edición. O premio establecía que a primeira era para Espiral Maior e que despois nas sucesivas quedaba liberado para publicalo noutra. É moi satisfactorio chegar á segunda edición. Tivo moi boas críticas.

–Publicar supón para vostede desnudar demasiado a alma?

–Hai xente que fala do pudor ao ler poesía, como se estiveran falando de cuestións íntimas. Creo que a poesía é un xénero de ficción e non creo que se poida sentir máis pudor nela que nunha narración. Ás veces, o tono confesional dunha narración é máis biográfico que a biografía que pode retransmitir un poeta. Este libro vai máis alá da cuestión biográfica.

–Ao longo do libro está plasmada a relación coa nai, coa dor por deixala nunha residencia...

–Como dixen, o libro non é autobiográfico. Cando miña nai, miña irmá e máis eu viviamos xuntos pasabamos moito tempo pero as dúas tiveron que entrar nunha residencia. Esa foi unha situación extrema, dorosa, para elas e para min.Miña nai estaba nun ámbito, nun espazo na vida que non era exactamente vida pero tampouco morte e que algunhas persoas lle dan o termo de terminalidade. Nunca me parara a pensar nesa vida. Reflexionei sobre as distintas terminalidades que pode haber nas nosas vidas con examantes cos que, en realidade, o amor está esgotado pero segue existindo unha relación e mesmo pode existir o desexo. Tamén reflexo a terminalidade das aldeas abandonadas que sobreviven ás inclemencias como os encoros. Asemade, fíxome en como a utopía sobrevive ás circunstancias adversas.

Antón Lopo, en Vigo, a semana pasada.

Antón Lopo, en Vigo, a semana pasada. / José Lores

–Nun momento, hai violencia médica contra a terminalidade cando nos versos unha doutora anuncia sen miramentos á súa nai que está terminal.

–Creo que é unha chamada de atención a ese proceso de deshumanización que estamos vendo na sanidade especialmente na pública e non polos profesionais exactamente que sofren unha situación laboral que é insostible. O abandono das administracións á sanidade é algo que nos debería preocupar. Iso si que nos debería sacar ás rúas.

–En Vigo, houbo moitas manifestacións para a mellora da sanidade e non tomaron nota.

–Si, por un oído lles entra e por outro lles sae. Acabamos desistindo de reivindicar o que é un dereito e necesidade.

–Un verso sinala que todos mentimos demasiado sobre a verdade.

–Para empezar, que é a verdade? Nese momento no libro falan de fantasmas que nos visitan. Un personaxe di que a poesía é a verdade e que o esforzo da súa vida como poeta era adentrarse na verdade. Eu penso que a verdade non ten por que coincidir sempre coa realidade. A poesía traballa facilitándonos coñecemento dunha realidade.

–Tamén sinala no poemario que “a linguaxe é o único que podemos habitar”.

–É o único trascendente que podemos habitar. Cando escribín o libro, o proceso colleume cando miña nai inda vivía. Deume un desprendemento de retina e estiven un mes na cama sen poder moverme porque podía quedar cego. Eu tiña o libro acabado pero nese mes o poemario quedou como colgado. Unha das cousas máis importantes da obra é que fala da vida, da morte, da trascendencia pero sen que apareza a palabra alma.

–O romanticismo é perverso ou necesario?

–O amor non ten por que ser un amor de parella e unicamente de sexualidade. No libro hai unha aposta polo amor non familiar, dos amigos, das amigas. O romanticismo tróuxonos a nosa forma de ver o mundo cunha amplitude máis grande do que había previamente. O romanticismo foi unha liberación, unha independencia pero ten que ir adaptándose ás circunstancias da sociedade e a nós mesmos que nos imos transformando.

–O sexo só é un xogo?

–Creo que é a cuestión lúdica por excelencia. O noso corpo é un instrumento do lúdico, do combate, da axuda...

–No seu volante vital, que manda máis a razón ou o instinto ou están en loita?

–-Non sei se en loita pero creo que son dúas boas compañeiras de viaxe.

Suscríbete para seguir leyendo