Adeus a Dorothé Schubarth, a suíza que recolleu 14.000 coplas tradicionais galegas

Con Antón Santamarina, conformou o “Cancioneiro Popular Galego”, base da música de noso

Este foi editado pola Barrié pero os orixinais fican no Museo do Pobo Galego

Dorothé Schubarth, con dúas veciñas en Santiago de Mens (Malpica). / MUSEO DO POBO GALEGO

Dorothé Schubarth, con dúas veciñas en Santiago de Mens (Malpica). / MUSEO DO POBO GALEGO / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Unha parte importante do repertorio de cancións de música tradicional que se cantan e tocan hoxe bebe dun proxecto froito da recompilación realizada entre os anos 1978 e 1983 e que leva o nome de “Cancioneiro Popular Galego”. Este –publicado no 1984 pola Fundación Barrié– amosa as recollidas efectuadas por Antón Santamarina e a musicóloga suíza Dorothé Schubarth quen faleceu á idade de 79 anos en Basilea o pasado mércores e quen se estima que xuntou máis de 14.000 pezas sonoras.

Institucións como o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega (RAG) lamentaron onte o seu pasamento ao tempo que aproveitaban para louvar o esforzo que no seu día realizou ‘Dora’ e que ten un valor enorme, chegando a aprender o galego para evitar intérpretes nas súas conversas coa xente.

Concha Losada Vázquez, coordinadora do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) e presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, destacaba onte que “a música que recolleu Schubarth –a quen coñeceu persoalmente– ten o valor de ser un documento histórico e tamén ten o valor fundamental de ser a base sobre a que se faga a música galega do futuro”.

“Serve –engade– para que rapazas e rapaces a poidan escoitar como se escoitaba antes (esa melodía) e lles sirva como base” para os seus proxectos. Como exemplo actual do que comenta Losada temos o sinxelo de adianto do que será o segundo álbum de Caamaño & Ameixeiras. Nese tema producido polo Hevi, “A pequena morte”, parten dun tema recollido por Schubarth.

Para Losada Vázquez “é un traballo importantísimo para o coñecemento da música tradicional galega. Non só porque deixou a gravación de numerosas pezas senón porque fixo un verdadeiro estudo teórico”

“Descubriu e describiu desde o punto de vista científico e musicolóxico esa linguaxe da música tradicional de Galicia e explicouna nunha serie de volumes que están traballadísimos e que están aí para que os aproveitemos”.

O “Cancioneiro Popular Galego” atopámolo en formato papel editado pola Fundación Barrié nos 80 pero tamén en versión dixital na web https://cancioneiro.fundacionbarrie.org onde se poden atopar mesmo as partituras distribuídas nos sete volumes. Estes están divididos por temáticas: oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e coplas diversas.

Alén diso, o Museo do Pobo Galego iniciou a dixitalización tamén dos audios das recollidas de Dorothé. Xunto a eles atopamos as letras e en moitas ocasións o documento escrito co que Schubarth anotou a copla.

“Ela tiña copia do seu material sonoro orixinal [obtido na Galicia e noutros estados como Romania ou Turquía] en diferentes sitios do mundo e trouxo unha copia dese material ao Museo do Pobo Galego e trouxo tamén os orixinais das cintas e das súas libretas de campo coa expectativa de non só telas aquí depositadas no APOI senón para telas á disposición de todos os usuarios. Imos progresivamente incorporando as pezas, temos máis de 600, na rede para que a xente as poida consultar dende a casa. Ela durante anos veu traballar con nós axudándonos na revisión, reeelaboración e edición das súas pezas. Seguía todo o proceso de darlle difusión a toda a súa obra. Os orixinais tamén están no Museo para a consulta”, aclara a coordinadora do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade).

Nel, podemos atopar dende toques de campás, a aguinaldos, coplas da vendima ou entroido, romances da seitura, regueifas... e por suposto muiñeiras ou xotas coas letras no cartafol orixinal dela e das que se poden dispor baixo licencia Creative Commons.

Recoñece Losada que a dixitalización de todo o traballo de Schubarth, ao ser “unha obra moi extensa, tardará moito en concluírse”.

Protagonizou o Día das Galegas nas Letras e era patroa do Museo do Pobo

Para entender a figura de Schubarth hai que retrotraernos ao ano 1978 cando chegou a Galicia. “Todos os anos volvía a facer visitas a algúns dos que foran os seus informantes, as señoras que cantaran para ela 20 anos atrás, ou aos seus herdeiros. Cando ía velos, buscaba no seu propio arquivo algunha fotografía para levarlle ou aportaba unha gravación da copia tradicional para que unha neta puidera escoitar a avoa ou un fillo escoitara a súa nai”, explica Losada.

Schubarth foi declarada patroa de honra do Museo do Pobo Galego no 2017 e recorda Mercedes Peón que a SEGA lle dedicou a primeira edición do Día das Gal egas nas Letras.

Para Peón, “era unha muller que na parte científica era exquisita e no persoal, coa xente das aldeas, era espectacular. Estou moi triste pola súa morte. O seu legado ten moito valor. Ela foi unha galega máis. En Galicia, houbo varias revolucións. Unha que Dorothé deixara iso plasmado. A segunda, que houbera grupos folclóricos. Se non fora por eles, agora, a maioría da xente que está en escena non existiría”.

[object Object]

Mercedes Peón –quen tamén ten dedicada gran parte da súa vida á recollida de música tradicional– recorda a primeira vez que coincidiu con Schubarth. “Eu era moi noviña, debía ter uns 19 anos. Fora ao Conservatorio de Santiago onde ela daba unha masterclass. Noutra volta, no Consello da Cultura Galega dabamos cada unha unha conferencia. Lembro que ela colleu unha melodía rumana. Antón Santamarina defendía que a lingua rumana e a galega eran as linguas latinas máis semellantes foneticamente. Ela colleu un canto ad libitum que atopara nunha aldea rumana e era idéntico a outro encontrado en Galicia. Foi algo impactante e marabilloso. A única diferencia entre as pezas era ornamental [florituras sobre a liña xeral da melodía]. Foi sorprendente desde o punto de vista científico.

Peón recorda que “amaba tanto o que facía, as recollidas, que inda que non tivera financiamento estaba nas casas de amigas e amigos de aquí que coñecía para seguir recollendo todo isto”.

Suscríbete para seguir leyendo