Un Culturgal renovado abre con máis de 100 eventos

A gran feira cultural de Galicia arranca este venres en Pontevedra con citas literarias, musicais, de cinema e de realidade virtual

Elba Pedrosa estrea proxecto poético musical.

Elba Pedrosa estrea proxecto poético musical. / Cedida

Mar Mato

Mar Mato

Culturgal regresa á grella da programación e promete volver a ser a feira cultural máis grande e vizosa de Galicia. Dende o venres ata o domingo en Pontevedra, se ofrecen máis dun cento de eventos de literatura, cinema, música, artesanía, arte e mesmo realidade virtual para todos os públicos.

Entre as propostas, a presentación do novo podcast de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática. O sábado, a partir das oito da tarde, emiten en directo o primeiro episodio de “13 avisos. Historias para escoitar á noite”.

“Desde a compañía (Berrobambán), –explica– decidimos probar co podcast para dar a coñecer formatos que tiñamos. Son moi fan dos programas de radio ao redor do medo porque a radio é moi suxestiva e o podcast é un formato que atrae a moita xente nova”.

“13 avisos. Historias para escoitar á noite” estará disponibles nas plataformas como Spotify ou iVoox, así como na páxina web de Berrobambán. Conta co apoio das editoriais que publicaron o libro homónimo en galego (Xerais) e en castelán Diego Pun Ediciones. Nesta última o título do volume é “Trece avisos. Cuentos para leer por la noche”.

Sinala Carballeira que a estrutura desta peza é “semellante en todos os capítulos e a súa base lembra a dos programas de Hitchcock ou ‘O gabinete de curiosidades’ de Guillermo del Toro.Primeiro, preséntase unha introdución; despois, hai a lectura du conto a cargo de Xosé Barato e Rocío González (ambos os dous conforman o proxecto NVelar)”.

Despois na sección “Contos do ataúde”, ofrecerán microrrelatos de terror que lles achegue a audiencia para comentar o tipo de temas que presentan e sorterar un libro. O remate deixarano para unha entrevista a un referente no eido do terror ou literatura fantástica.

Paula Carballeira apunta que cada semana sairá un novo episodio. “Faime moitísima ilusion, é un tema no que levo traballando moito tempo e penso que é o formato ideal”, engade.

Pola súa parte, o venres, a partir das sete da tarde, a escritora Elba Pedrosae Álvaro Iglesias poñen sobre o escenario “DES A MAR ultrasónico”. Neste espectáculo que se estrea no Culturgal, fusiónanse os poemas de Pedrosa coas melodías compostas para eles do contrabaixo e compositor Álvaro Iglesias.Tamén haberá estrea do vídeo dunha das pezas.

O Culturgal acollerá unha porción do espectáculo. Sinala Pedrosa que o formato enteiro “consta de 12 poemas que falan do proceso do desamor. Unha primeira parte dos poemas fala do inicio do proceso con escuridade; e na segunda, hai máis luz para a saída do problema”.

A presenza da palabra ultrasónica no título vén dada porque “o proceso do desamor viaxa a unhas ondas ultrasónicas. Empecei co poemario no 2019 e pouco a pouco fun preparando 20, dos que o espectáculo mostra 12”, apunta Elba.

A idea é tamén publicar en breve o poemario en papel con Edicións Embora, coas pezas musicais a través dun código QR.

Elba Pedrosa recoñece que “o poemario forma parte da miña vida porque fala dun proceso de desamor no que eu estaba envolta. Foron saíndo con poemas de intensidade nos que se fala de destrucción, violencia ou das desigualdades que normalizamos”.

Pedrosa está a pechar as datas da xira –que apoia a Dirección Xeral de Cultura– por Galicia para o mes de marzo á que se engadirán varias en Canarias para setembro e onde se escenificará en galego tamén.

O Culturgal tamén terá oco para as artes plásticas coa presentación do novo espazo da Fundación Manuel Moldes. A presidenta da entidade, Mai Díaz, explicou que esa sede expositiva abrirá as portas o día 30 no número 47 de Benito Corbal en Pontevedra, no piso octavo. Porén, a charla sobre este espazo e os fins da Fundación será o venres 1 no Culturgal. “Non tiñamos espazo expositivo; para nós é unha honra e poder amosar a obra de Moldes aberta a todo o mundo”.

Conectado coa arte e a artesanía, o Culturgal tamén acollerá unha charla sobre o décimo aniversario dun dos proxectos pioneiros en Galicia en resaltar no presente a iconografía galega: Deica.

“Agora, parécenos estrano, pero antes había un baleiro moi grande da iconograía galega en produtos de xoiería e outros; só había en camisolas. Era preciso poñer en valor esa cantidade enorme de elementos da iconografía, tradicións, música, etnografía, arquitectura ou natureza que tiñan que ver coa identidade galega”, explica a deseñadora de Deica, a ilustradora de Cambados pero afincada en Compostela Iria Ribadomar.

Agora, Deica ofrece un cento de de ilustracións diferentes que plasma en camisolas, posters, hebillas para o pelo, pendentes, colgantes, broches, aneis ou pulseiras nos que podemos atoparnos as dedaleiras, a for de toxo, as ramas sen follas dos carballos, un dolmen ou mulleres galegas vestidas de tradicional, entre outras imaxes.

“Chámame a atención de que hai dez anos cando ía a feiras, a xente preguntábame polo deseño da flor do toxo. Non sabían que era e dicíanme ‘Que orixinal’. Agora todo o mundo sabe o que é. Como é a vida, como vai virando a nosa forma de mirar o que é simbólico e o que non”, remata a deseñadora.

Suscríbete para seguir leyendo