As pioneiras que abriron camiños

A serie web “Irmás da Fala” reivindica as figuras de Micaela Chao, María Miramontes, Elvira Bao, Amparo López e Emilia Docet e a súa loita polos dereitos da muller

Margarita Ledo (2ªd), onte na presentación da serie web na Coruña.

Margarita Ledo (2ªd), onte na presentación da serie web na Coruña. / Casteleiro / Roller Agencia

M. González

M. González

Micaela Chao Maciñeira foi a única muller que estivo na xuntanza fundacional das Irmandades da Fala –un movemento que abriría un novo tempo para a defensa da lingua galega– que tivo lugar o 18 de maio de 1916 na rúa Rego da Auga da Coruña (que daquela ocupaba a Real Academia Galega). Pero foron moitas máis as mulleres que participaban nestas xuntanzas, nos debates políticos e na loita polos seus dereitos cando non podían nin sequera votar. A serie web Irmáns na Fala, producida pola RAG co apoio económico do Concello da Coruña, recolle as historias desas pioneiras que foron abrindo camiños para tódalas mulleres.

“Non se pode entender a historia do noso pobo sen mulleres fundamentais”, apunta o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade do Concello de A Coruña Gonzalo Castro na presentación desta proposta de cinema documental realizada por Nós TV, no que tamén estiveron presentes Margarita Ledo, secretaria da RAG; a guionista Ana Viqueira, e a poeta Rosalía Fernández Rial, condutora dos catro capítulos.

Deste xeito, Irmáns na Fala mostra a vida de Micaela Chao, considerada “a irmá pioneira” e compañeira do home que liderou a creación das Irmandades Antón Villar Ponte; da modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; da mestra Elvira Bao, de seguro a primeira irmá que pronunciou mitins; de Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e da nadadora Emilia Docet, considerada a Miss España galeguista, que participou no Mitin das Arengas da praza da Quintana con figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.

Todas elas eran “as obreiras invisibilizadas”, tal como as denomina o filólogo Emilio Xosé Ínsua, dunha organización que se declarou a favor da emancipación feminina dende os seus inicios. “Que un movemento que nace no 1916 proclame na súa primeira xuntanza xeral que a muller e o home teñen que ser iguais en dereitos dá a medida do seu compromiso, en teoría, coa causa da igualdade das mulleres. O nacemento da Sección Feminina dentro da Irmandade Coruñesa respondía a ese clima”, di o investigador no primeiro capítulo, que ten como protagonista a Micaela Chao Maciñeira.

Ademais desta colaboración, a serie conta tamén coa participación dos historiadores Encarna Otero e Xosé Alfeirán, das académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; de María Xosé Bravo, presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; da filóloga Dolores Vilavedra; do deseñador Pepe Barro, da actriz Iria Pinheiro Santos, e Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e do seu home, Ánxel Casal, o editor de Nós.

Este traballo da continuidade, ademais, ó que a RAG xa reivindicou na exposición do centenario das Irmandades (2016), Saúde e Terra, irmá(n)s!, que contaba cunha sección propia sobre as irmandiñas.” “Ao tempo que elas conquistan os seus dereitos, fan avanzar o conxunto das Irmandades”, apunta Encarna Otero, que subliña tamén que desempeñaron un papel político a nivel estatal e internacional: “Na resposta que lle dan ao manifesto da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, as mulleres galegas reivindican que Galicia existe, póñena ao mesmo nivel cás outras nacionalidades, e propoñen un modelo federal do que logo se vai falar no Partido Galeguista”.

O primeiro capítulo estreouse onte en academia.gal e en Youtube. Cada martes, ata o vindeiro 28 de novembro, presentarase un novo episodio. A serie poderá verse tamén en Nós TV e en Movistar Plus.