ortiga e pili pampín | Dúo musical

Ortiga: “Ana Kiro e Pili Pampín son a historia do noso país”

“Funcionou tan ben o noso dúo cantando ‘Chorar chorei’ que pensei: ‘Se queren caldo, pois sete cuncas”, sinala Ortiga sobre o su primeiro disco coa cantante | Actúan o 14 deste mes no PortAmérica e en agosto no Sonríasbaixas de Bueu

Pili Pampín e Ortiga.   | // ARIÁN QUINTEIRO

Pili Pampín e Ortiga. | // ARIÁN QUINTEIRO / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

A música galega dos nosos días non deixa de sorprendernos cada mes. Unha das últimas xostregadas cariñosas e melódicas é o primeiro disco de Ortiga e Pili Pampín. Se fliparamos co “Chorar chorei” e “O galo” para pistas de baile, agora facémolo con cada un dos oito temas do álbum, editado por Ernie Records. Cos arranxos de Joâo Alberto Ferreira e Hevi na gravación, Chicho e Pili deixan claro que o seu romance non só foi cousa dun fin de ano de “Luar”. O día 14 deste mes poderemos gozalos en directo no Portamérica e o 5 de agosto no Sonríasbaixas de Bueu.

“Realmente –explica Chico, Ortiga, coñecémonos no ‘Land Rober’ con Boyanka Kostova pero foi ‘Luar’ os que nos pediu unha canción para fin de ano. Así naceu ‘Chorar, chorei’. Como a tiñamos feita, decidimos gravala para que non quedara só no especial de Luar. Funcionou tan ben así que se queren caldo, pois sete cuncas”.

Asegura tamén este músico galego que “como todo na música, eu fago cousas porque me fai graza, porque me motiva. O de Pili, xurdeu así, como unha loucura. Como non ía facer un tema coa clásica Pili Pampín?”.

Agora que temos claro como o viviu el, toca preguntarlle á muller da poderosa voz como o experimentou ela: “Leveime unha alegría tremenda, empatizamos moi ben cando nos coñeceramos no ‘Land Rober.’ Como non nos daba moito tempo para un tema novo, propúxome versionar o ‘Chorar, chorei’ e o resultado foi marabilloso”.

Para este álbum, partiron dunha listaxe de temas para finalmente quedárense con oito nos que transitamos pola música do club, os sons máis pachangueiros da verbena, a música disco, o merengue e o tradi cunha revirada festeira.

“Pensei –explica Ortiga– en temas cantados por rapaz e rapaza e que foran épicos e apareceume ‘Olvídame y pega la vuelta’. Na miña cabeza era espectacular. En canto ‘Free from desire’, quen non coñece esa canción? Quen non a bailou na discoteca? Eu pensei que como público fliparía en cores se Pili Pampín a cantara así que decidín facela”.

Ata Pampín quedou abraiada cos temas. “Eu –explica– vino a el con moitísima ilusión coa idea de facer o disco, cantado en galego, que lle dixen que tirara para adiante. Cando me empezou a pasar os temas xa vin que podía ser un bombazo e creo que o conseguimos”.

Confesa Ortiga que o tema que máis lles custou sacar adiante foi ‘Como yo te amo’. “Sacar a canción de oído levoume días e días. Non só son os acordes, tamén os arranxos. É unha canción bastante complexa. Levoume case unha semana e a de ‘Licor café’, outra”, explica o trapeiro e produtor.

Vinilo do novo disco.

Vinilo do novo disco.

En canto ao vídeo de ‘Olvídame y pega la vuelta’ -en castelán- confirma que empregaron a Intelixencia Artificial. “É obra de Xaime Miranda, un rapaz que fai videoclips. Xa traballara con el en Boyanka e tamén lle fai o vídeo a Nuno de Grande Amore. El ten un ollo clínico boísimo, entende a esencia das cousas á primeira. Propúxome facer unha novela turca comigo e con Pili en plan ‘Pasión de Gavilanes’. Pareceume incrible”.

Pili Pampín asegura estar “encantadísima de ter este público novo que me segue e me respecta. Doulle as grazas polo cariño”.

Mais como ve Ortiga o legado desta muller e doutro referente da canción galega como Ana Kiro? El cre que deberían ser rescatadas: “Ao final non deixa de ser a historia do teu país. Puxeron os alicerces para que sucedan as cousas que pasan hoxe en día. Ao mellor este tipo de artistas e eventos foron o que embrionariamente deron lugar ás verbenas. Encerran un paralelismo con Galicia. Algunha é xente emigrada que rescatou cousas doutro sitio para adaptalas aquí. Tiveron un valor cultural moi potente. O folclore do século XX é esa xente”.