Entrevista | Luis Davila Ilustrador e humorista gráfico

“Vivimos nuns tempos nos que facer humor é cada vez máis complicado”

“O humor gráfico é unha ferramenta moi potente para denunciar inxustizas”, defende o ilustrador Luis Davila, Premio Trasalba

O ilustrador Luis Davila, preparando un mural en Cangas.

O ilustrador Luis Davila, preparando un mural en Cangas. / GONZALO NÚÑEZ

Mar Mato

Mar Mato

A viñeta gráfica O Bichero do buenense Luis Davila –que cumpre 25 anos– a piques estivo de bautizarse con outro nome. Rapeta, trasmallo e nasa eran as contrincantes. “Pero O Bichero pareceume o máis acaído porque é como a navalla suíza dos mariñeiros que vale para moitas cousas como os cabos, meter o peixe a bordo, arrimar o barco ao peirao e tiña ambigüedade polo do bicherío xa que eu quería falar do bicherío do país”, lembra o humorista gráfico de FARO.

A primeira viñeta vería a luz na delegación d'O Morrazo do diario decano en 1998. O que aconteceu despois xa é historia: o nacemento dun fenómeno fan que saltou a libros, cuncas, camisolas, cadros, carcasas de móbiles e mesmo aos escenarios dos teatros con Carlos Blanco. O poder d´O Bichero mesmo se colou este ano na Selectividade. O vindeiro domingo, seu pai, Luis Davila, recibe o Premio Trasalba 2023 da Fundación Otero Pedrayo pola “defensa da lingua e a proximidade social das súas mensaxes”.

–Ante tan importante galardón, estarás nunha nube.

–A verdade é que é un recoñecemento. E que sexa deste calibre, da Fundación Otero Pedrayo, que ten detrás a este personaxe que foi un sabio da cultura galega, estou superemocionado.

–O outro día comentabas que estabas tan nervioso que pensabas en levar un cabalete para debuxar e non ter que falar moito...

–Si, como máis cómodo estou é expresándome con debuxos; pero vou intentar ser o máis natural posible, tratando de botar a tensión fóra. Vai ser un acto moi agradable, rodeado de amigos.

–Ao igual que Otero Pedrayo, descobres a vida do rural galego nas túas obras.

–Considero que o rural é a nosa raíz. Existe a Galicia urbanita pero todos temos moitos vínculos co rural. É de onde partimos e está marcada no noso ADN. A xente maior aporta moita sabedoría e verdade. Os auténticos sabios son eles; por iso, os utilizo para as miñas reflexións e ideas e plasmar como somos os galegos e como percibimos a vida.

Luis Davila, en Cangas, preparando un mural en una vivienda.

Luis Davila, en Cangas, preparando un mural en una vivienda. / GONZALO NUÑEZ

–Contáronme que de neno facías uns garabatos de nivel na casa e que traías un pouco tola á túa nai.

–Eses foron os inicios, si. Sempre me recordo agarrado a un lapis ou rotulador. Encantábame botar horas diante dun papel montando as miñas películas. Pero aquela anécdota foi chula porque emborranchei as paredes. Levábase moito o tema das paredes empapeladas. Na casa, quería mudar o papel pola pintura e eu pensei que se ían tirar con todo aquilo empecei a pintar sobre o papel e fixen as miñas grafitadas coa conseguinte reprimenda.

–Con formación autodidacta?

–Sempre debuxei pola miña conta, cos libros que caían na miña man. Despois, decidín prepararme como deseñador gráfico que era unha das opcións que se me pasou pola cabeza para aplicar ese gusto polo debuxo e pola arte nalgo máis técnico. Marchei a A Coruña facer Deseño Gráfico. Unha das materias era ilustración.

–É destacable o equilibrio entre o humor e o respecto na túa obra.

–Trato de contar e ser crítico, de arrancar unha gargallada ou sorriso. Co meu humor, trato de non ofender, de non caer no chabacano. Procuro que a mensaxe final sexa agradable pero cunha mensaxe potente. Se se ofende alguén, iso depende da sensibilidade dun.

–Tiveches alguén que se molestara?

–Sempre hai pero é certo que se de algo podo estar contento é do abano tan amplo de lectores que gozan coa miña obra. Ás veces, en sesións de firmas chegan cativos con libros para que llos asinen, tamén xente maior. Ese espectro de lectores encántame.

O politicamente correcto ás veces é unha barreira

–O auxe do politicamente correcto xerouche preocupación á hora de confeccionar as viñetas?

–É certo que a sociedade evoluciona e tamén evoluciona o humor. Hai que ir cos tempos. Considero que hai temas que foron tratados no seu momento con humor e agora é impensable tocalos. Hai que ser consciente de que hai que ir madurando como sociedade. Sobran motivos para facer humor. O politicamente correcto ás veces é unha barreira pero tamén unha maneira de como coller un camiño diferente para darlle voltas ás cousas e ir evolucionando como humorista.

–Pero ademais do humor buscas a reflexión da xente na actualidade?

–A xente demanda tamén iso. Son 365 días do ano para ser moi reflexivo. O humor gráfico é unha ferramenta moi potente para denunciar inxustizas, cousas coas que non concordo. É importante ser consciente de que ese espazo hai que aproveitalo para demandar o que demanda a sociedade.

–Pensas que cada vez hai menos humor entre a xente?

–É posible. Hai que traballar o humor e a comedia máis que nunca. Vivimos nuns tempos nos que facer humor é cada vez máis complicado porque se está convertendo nunha sociedade moi seria. Por iso, eu fago humor para que nos queiramos, para a autoestima, para como galegos nos sintamos orgullosos dos nosos defectos e virtudes e para que ante todos nos queiramos; é o que fai falla.

Os personaxes naceron a raíz de debuxar a xente que me observaba. É toda xente do país. Síntome máis cómodo caricaturizando a xente de a pé que a políticos. O propio espazo da viñeta foi conformando a fisionomía dos personaxes: como tiña pouco espazo de altura, tiña que facelos regordiños e regordiñas. Así apareceu Dora, a desbrosadora

“Os parabéns da xente son unha vitamina”

–A xente namorouse das túas viñetas, como vives o fenómeno fan?

–É un traballo moi individual. Primeiro tenme que facer graza a min e despois confío en que lla faga aos demais. A resposta dos lectores foi chegando pouco a pouco. Nos inicios, houbo erros porque hai que aprender a sintetizar a mensaxe. Os parabéns da xente foron chegando e para min foi unha vitamina para seguir mellorando. A impronta do mar e do salitre é clave.

–Como nacen os personaxes? Fíxaste na familia, na veciñanza?

–Os personaxes naceron a raíz de debuxar a xente que observaba. É toda xente do país. Síntome máis cómodo caricaturizando a xente de a pé que a políticos. O propio espazo da viñeta foi conformando a fisionomía dos personaxes: como tiña pouco espazo de altura, tiña que facelos regordiños e regordiñas. Así aparecer Dora, a desbrosadora.

Suscríbete para seguir leyendo