O cine galego, ao asalto da Berlinale: "Agora podemos falar de que hai un Cinema Galego que está nos mellores festivais"

“Na Berlinale, hai catro películas españolas e tres son galegas e dúas en galego; iso é importante”

Daniel Froiz e Andrea Vázquez, produtores de filmes galegos na Berlinale.

Daniel Froiz e Andrea Vázquez, produtores de filmes galegos na Berlinale. / M.Y./A.V.

Mar Mato

Mar Mato

O cinema galego rexistra fitos históricos. Debemos deixar a etiqueta de Novo Cinema Galego para entrar na nova era do Cinema Galego? A produtora viguesa Andrea Vázquez, que impulsou “O que arde” e que presenta na Berlinale “Sica”, cree que si, que é hora de dar por sentado o que antes era ocasional: a presenza de películas galegas en festivais de Clase A, unha selecta listaxe de 15 en todo o mundo.Dende onte, a Berlinale elevou o pano para que hoxe o director vigués Álvaro Gago presente a súa primeira longametraxe, “Matria”, protagonizada pola viguesa María Vázquez. O seu produtor, o pontevedrés Dani Froiz, subliña que este ano no festival de Berlín se proxectarán catro filmes españois, tres galegos dos que dous son na lingua de noso: “Matria” e “Sica”.

Leva máis de 20 anos traballando arreo polo cinema da Galicia e agora ao fin cumpre o soño de ver un filme que produce el nun dos principais festivais do mundo: a Berlinale. Ata alí se desprazou esta semana para apoiar ao director vigués Álvaro Gago e a troupe de “Matria” que chega aos cinemas o 24 de marzo. “Estamos supercontentos. É –destaca Froiz– o froito de moito traballo. Dende que rematamos a película queriamos estar en varios festivais a nivel internacional e loitamos por estar neles ata o último momento. Chegou Berlín que é un dos tres máis importantes do mundo. É onde máis nos gustaba que se estreara a película”.

“‘Matria’ fala do falso matriarcado: hai un gran machismo soterrado”

Daniel Froiz - Produtor de “Matria”, película galega na Berlinale

decoration

–Cales son as principais patas do filme?   

–Aséntase principalmente nun labor do director, Álvaro Gago, que vén de dirixir a curtametraxe (homónima) con moito éxito e nesta longa refrenda o traballo feito anteriormente. Está propoñéndose como un gran director de presente e futuro na cinematografía galega. Por suposto, está María Vázquez cun pedazo de interpretación incrible. Traballou moitísimo indo á zona da rodaxe tempo antes da gravación, traballando con Francis que é a persoa na que se basa o personaxe de Ramona que interpreta María. Fixo un traballo moi importante de campo. Pero tamén hai outra cousa e que avanza o título, esa matria, esa terra nosa, esa Galicia e esas mulleres que traballaron moito e traballan para ter a terra que temos. Eses tres puntos son claves para que a película fora tan importante.

–Resultou difícil atopar financiamento?   

–Pola miña parte, non hai proxecto doado. É moi difícil lenvantar financiamento dunha película de cine, neste caso, de máis dun millón de euros. Para isto tivemos que ter coproducións nacionais e prevender a televisións como a TVG e a Movistar+ e agora a ver se entra TVE. Non son proxectos doados pero neste caso, chegou unha cousa tras outra. Non houbo moita traxedia ou espera polo medio agardando polo financiamento. Fixemos unha rodaxe pandémica, iso queda para a historia. Obviamente iso tivo un custo pero todo o equipo traballou moi ben. Tivemos un equipo marabilloso e enorme cos que teño rodado en neve, de noite, con chuvia... así que a pandemia foi unha cousa máis.

–Que Galicia mostrarán en Berlín?   

–Unha Galicia moi costeira, rodamos en Vilanova, Vilagarcía, Pontecesures, Pontevedra urbana. En concreto, a praza da Ferrería vai estar aí pero vai haber moitísima costa. Vaise ver mar, barcos, conserveiras, noite, tren, Rías Baixas.

–Cal é a mensaxe?   

–No título xa se din moitas cousas. Fala da maternidade, da muller, da nosa terra e tamén dun falso matriarcado. Criamos que a muller tiña o poder porque leva a casa pero hai un machismo moi grande soterrado que a muller ten que sufrir. Queriamos desmitificar eses homes e mulleres apoucadiños, melancólicos. Non, esta é unha muller que tira para adiante, ten forza e ganas de vivir e cambiar cousas da súa vida que non son adecuadas.

Cartel de "Matria", de Álvaro Gago.

Cartel de "Matria", de Álvaro Gago. / Cedida

–Como vive que haxa tres películas galegas na Berlinale este ano?

–Na Berlinale, hai catro películas españolas e tres son galegas, dúas con produtores maioritarios galegos e outras con directores galegos.Catro películas españolas é unha cota importante de cinema español en Berlín, tres teñen a Galicia como produción ou dirección. Isto fala de que en Galicia se están facendo ben as cousas desde hai tempo e estes son os resultados. Non só hai que traballar para plataformas que moitas veces non permiten que o talento se poida desenvolver da mesma maneira porque non é unha cinematografía independente. Pero nós traballamos dende esa independencia e logramos estar aí neses lugares. E dúas películas son en galego na Berlinale, iso nunca sucedera ata hoxe; é importante.

“Agora podemos falar de que hai un Cinema Galego que está nos mellores festivais”

Andrea Vázquez - Produtora de “Sica”, filme galego na Berlinale

decoration

A viguesa Andrea Vázquez viviu en primeira persoa o éxito de “O que arde” no Festival de Cannes do 2019. Era a súa produtora. Agora a súa empresa, Miramemira, viaxe á Berlinale en apoio de “Sica”, da directora catalana Carla Subirana. O filme, íntegro en galego e rodado na Costa da Morte, chega ás salas comerciais españolas o 19 de maio á espera de ir concretando a súa proxección noutros países unha vez sea estreado en Berlín a vindeira semana.

–Como se sente ao levar este proxecto á Berlinale?  

– “Sica” é un proxecto que nace da directora Carla Subirana. Ela é catalana pero estivo facendo a ruta dos faros pola Costa da Morte. Mentres realizaba o roteiro comezou a argallar na cabeza a historia desta preadolescente, Sica. Xa en Barcelona entrou en contacto con Alba Sotorra e comezaron o proceso de financiamento e produción. Cando se poñen en contacto comigo xa había un guion e financiamento de Cataluña e Europa. A graza era que era unha película rodada en Galicia integramente e en galego, foi como un agasallo. Normalmente, empezamos proxectos de Galicia dende a nada.

–Como atoparon a rapaza protagonista?

–A directora de casting foi Conchi Iglesias, que é galega. Carla estivo por Camariñas e fixeron casting a uns 600 rapaces e rapazas de diferentes colexios e institutos da Costa da Morte porque había uns personaxes puramente adolescentes pero a protagonista queriamos que fora preadolescente, collela aos 12 anos, na liña fráxil entre nena e rapaza. Tivemos que traballar o guion e a linguaxe, adaptar esa idea catalana que había de Galicia para que tivera unha áncora real para sentir os personaxes como propios. Unha parte importante era que os actores foran da zona, que se souberan mover por alí e tiveran a maneira de falar de alí.

Carla Subirana.

Carla Subirana. / Cedida

–Cal é o fin desta historia e a quen vai dirixida principalmente?   

–Unha das cousas que máis nos animou a meternos na película foi que fora un filme sobre adolescentes e que estivese centrado nas súas preocupacións. Sica perde a seu pai nun naufraxio e está nese paso á idade adulta, á madurez, deixando o mundo da infancia. Todo isto precipítase coa desaparición do pai. Nos últimos anos, os directores e directoras fixáronse en Galicia en xente doutro rango de idade. Ademais, non queriamos que fora un territorio urbano, senón marítimo, cunha vinculación moi forte coa natureza. Un dos perfís característicos do personaxe de Sica é que está moi conectada coa natureza, coa observación do mar, do ceo, dos animais.

–A Berlinale é o mellor altofalante para un filme?  

–Si, é dos mellores festivais do mundo xunto a Cannes. Son os que marcan o calendario anual. É un altofalante para todo, para a prensa, para a estrea en salas comerciais, para as vendas internacionais e distribución. De feito, os distribuidores en España serán A Contracorriente e o axente de vendas El Latido, o mesmo tándem que leva “As Bestas”. Berlín axuda a posicionarte noutro lugar. Ademais era o noso obxectivo principal porque queriamos contar unha historia de rapazas, queriamos que chegara a este público e xusto a Berlinale ten a sección Generations que se enfoca niso. É a fiestra perfecta de presentación do filme.

–Serán tres filmes en Berlín.   

–Galicia por unha banda ten unha industria galega audiovisual consolidada e ten un talento sen dúbida importante. Nos Goya nos diferentes festivais sempre hai unha ou dúas películas galegas gañadoras. Non é como antes que podería ser que algo se colara. Agora, está asentado. Falábase anos atrás de talento galego que despunta, do Novo Cinema Galego. Agora xa podemos falar de que hai un Cinema Galego que está nos mellores festivais de maneira xa normalizada.

Suscríbete para seguir leyendo