Unha obra de teatro á galega sobre Nick Cave e as trampas de internet

Deborah Vukusic inicia un proxecto de mecenazgo para pór sobre as táboas unha peza de autoficción que reflexiona sobre a necesidade de amor e as estafas en internet

A nova obra de Deborah Vukusic titularase “3240”.   | // VUKUSIC

A nova obra de Deborah Vukusic titularase “3240”. | // VUKUSIC / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

No tema “Into my arms” de Nick Cave, cara o final da canción, o cantautor australiano entona: “E eu creo no Amor/ E eu sei que ti tamén/ E eu creo nunha especie de camiño/ Que podemos descender, eu e ti”.

A paixón pola música deste artista que mesmo ten aparecido nas películas de Win Wenders (“O ceo sobre Berlín”) animou á actriz viguesa Deborah Vukusic a escribirlle na súa páxina oficial hai un ano: “Por favor, Nick, vén a Galicia ou Norte de Portugal porque as entradas para o Primavera Sound xa voaron”.

A raíz de aí alguén do entorno de Cave escribiu a Vukusik propoñéndolle entrar en contacto co artista. Nese punto, iniciouse unha ‘relación’ vía dixital que deu pé agora a unha obra de teatro para a que Vukusic vén de iniciar un proxecto de mecenazgo en Verkami para apañar fondos.

“É o segundo espectáculo da miña compañía DeuVe que intenta seguir unha liña de historias persoais como se viu con ‘Guerra de identidade’”, sinala a dramaturga e actriz.

“Vai –detalla– sobre as relacións nas redes, as estafas e o rock and roll e a mitomanía máis a necesidade de sentirse querida”.

Para coñecer o que aconteceu en todo este ano será preciso acudir ás representacións da obra teatral, cuxa estrea está prevista para o vindeiro 2023.

De momento, todo apunta a que a autora logrará que “3240” triunfe en Verkami e se suba ás táboas.

A campaña de mecenazgo arrincaba ás doce da noite do xoves e en catorce horas xa tiña recabado o 30% da contía precisada (un total de 3.500).

Se todo segue nese bo carreiro, os mecenas verán o 10 de febreiro do vindeiro ano “3240” no Auditorio Municipal de Vigo a partir das oito da tarde.

Só se pode adiantar que o que mostra a peza parte da realidade. “Son happyflower, creo no amor”, adianta para sinalar o risco que hai dos amoríos a través de internet se non se ten coidado con certos detalles.

Para achegar esta historia ao público, Vukusic contará cun equipo “marabilloso”, defende. Tito Asorey como Nick Cave; Monti Castiñeiras; Antea Rodríguez; Marielvy Martínez, Cecilia Vázquez e Hummy Donado, figuran no elenco.

Na iluminación, conta con Javier Quintana, e no espazo sonoro con Andrés Tejada. “Este está facendo unhas cousas moi chulas inspiradas en Nick Cave & The Bad Seeds”, subliña Deborah que resalta “a mistura das artes escénicas” na obra.

Por outra parte, a escenografía visual con animacións está feita por José Ramón Bas; mentres que na coreografía atopamos a Marta Alonso Tejada e na dirección cunha visión contemporánea e fresca, Cristina Moreira.

A directora engade que “quero darlle moito rock and roll e verdade, que a xente se sinta identificada porque os momentos de soidade e de precisar un abrazo témolos todos e máis despois do que acabamos de vivir”. Moreira agrega que dirixir “a Deborah é un luxazo, podes levala por onde queiras”.

Quen queira colaborar con Vukusic para animala no trance complicado para o corazón e o peto que lle supuxo a súa ‘aventura’ con Nick Cave pode facelo apoiando o seu proxecto en Verkami desde 10 a 500 euros. Se se realiza unha donación nas primeiras 48 horas da campaña o mecenas recibe as grazas, aparición nos créditos, postal, chapa, gif de Ramón Bas, bolsa de tea, dúas entradas para a estrea así como link de descarga ao vídeo da obra.