Como un regalo adiado de Reis, chegaba Francisco Fernández del Riego ao mundo na mañá do 7 de xaneiro de 1913. Así o relataba el mesmo, fillo da vila luguesa de Lourenzá e maior dunha familia de once irmáns. A súa longa vida ofrecería resistencia ante o franquismo, literatura e moito amor polos libros e o galego baixo as súas lentes de alumno aplicado. Xusto cando se cumprirán 110 anos do seu nacemento, a Real Academia Galega adicaralle o Día das Letras Galegas 2023. A entidade, do que o propio Riego foi presidente entre 1997 e 2001, recoñece especialmente a súa figura de “loitador cultural incansable, clave na resistencia no exilio interior, cunha traxectoria polifacética que o converteu nunha auténtica institución do país”.

Falecido en Vigo en 2010, Fernández del Riego foi un dos impulsores das Letras Galegas que se estreaba en 1963 con Rosalía de Castro. Considerado “unha das figuras centrais do galeguismo progresista” pola RAG, cofundou a Editorial Galaxia nos 50, a revista Grial e a Fundación Penzol. A súa obra vai do ensaio coa Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), aos libros de viaxes na serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental e a novelas. E nas pezas autobiográficas, dúas fundamentais: O río do tempo. Unha historia vivida e Camiño andado: memorias.

Membros da RAG despois da sesión de onte. | // CARLOS PARDELLAS

A RAG, a través do seu presidente Víctor F. Freixanes, louba “unha obra inmensa, con colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora... posiblemente o seu número supere o milleiro de artigos”.

Semellante traxectoria non se entende sen o seu compromiso político. Recibiu a II República cando estudaba Dereito en Madrid, carreira que remataría en Santiago. Membro do Partido Galeguista, participou na campaña de aprobación do Estuto de Autonomía. Cando estoupa a sublevación militar no verán do 36, ten que agocharse un tempo ante a sucesión de detencións e asasinatos. É represaliado polo franquismo: perde o seu posto de profesor de Derecho Civil na USC, é detido dúas veces e ten que dar clases particulares en Vigo con pseudónimos.

Cando empeza a escribir en La Noche, incorpora a outros escritores acalados como Carvalho Calero e Vicente Risco. Tamén fai de “ponte entre a Galicia interior e a do alén do mar”, con correspondencias como con Luis Seoane. Ata tal punto que é bautizado polos exiliados como “o noso Ministro de Exteriores”.

Detido en dúas ocasións no franquismo

Ante a persecución inicial, Fernández del Riego chegou a vestirse co uniforme das tropas franquistas para salvar a vida. Estivo na fronte pero foi igualmente depurado da súa praza universitaria e inhabilitado. Casou en 1940 con Evelina Hervella e reorganizou o Partido Galeguista na clandestinidade con Enrique Peinador e Manuel Gómez Román. Coa detención de Ramón Piñeiro, Del Riego enterraría todo o material comprometido no monte do Castro. As súas dúas detencións no franquismo corresponden ás seguintes datas: en 1947 con Darío Álvarez Blázquez por pertencer á Unión de Intelectuais Libres, e en 1955. Dende 1949 foi correspondente do Centro Galego de Bos Aires en Galicia. E escribía unha crónica mensual: Galicia cada trinta días.

Cartas con Luís Seoane

Fernández del Riego tendía pontes entre o exilio interior e o exterior, a través do xénero epistolar. Segundo recorda a Real Academia Galega, “a súa correspondencia con Luís Seoane mostra como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade”. Ademáis, en América foi onde publicou o seu primeiro libro: Cos ollos do noso esprito (Buenos Aires, 1949). Entre as cartas con Luís Seoane, podemos atopar intercambios de textos para a publicación de revistas e charlas sobre contemporáneos.