A pinacoteca Francisco Fernández del Riego inaugurou este venres en Vigo unha exposición dedicada ao intelectual galeguista, máis coñecido como 'don Paco', que prestou nome a este museo vigués.

A exposición estaba pensada para ser inaugurada o 26 de novembro do ano pasado, con motivo do décimo aniversario do seu pasamento, mais a pandemia obrigou a adiala un ano.

"Todo o mundo debería achegarse a esta exposición pola importancia de Francisco Fernández del Riego para a cultura galega; non pola que tivo no seu momento, senón pola que ten e segue tendo hoxe en día", dixo a comisaría da exposición, Beatriz Liz de Cea.

A mostra céntrase no labor que Del Riego desenvolveu ao longo de toda a súa vida para defender a obra dos artistas renovadores, divulgando a aqueles que estaban no exilio, criticando construtivamente os pintores académicos ou rescatando do esquecemento a artistas que puxo no panorama cultural.

Vista xeral da exposición, inaugurada hoxe na pinacoteca. Salvador Sas

Na exposición, que permanecerá aberta até o 7 de xaneiro de 2023, coincidindo coa data de nacemento de 'don Paco', pódense contemplar obras de artistas como Castelao, Maside, Laxeiro, Seoane, Colmeiro, Ruibal, Sevillano ou Díaz Pardo, entre outros moitos, con todos os cales mantivo Del Riego unha estreita relación persoal.

"É unha figura que todos coñecemos pola editorial Galaxia, polo Seminario de Estudos Galegos, pola Real Academia da Lingua Galega, pero tamén ten outras facetas, como é a súa relación cos artistas que debería valorarse", asegura Liz de Cea.

A exposición ábrese cun percorrido pola biografía deste intelectual, acompañada de fotografías do seu arquivo persoal, onde se repasa desde os inicios da súa carreira o labor que desenvolveu na defensa dunha arte autóctona.

Obxectos persoais, manuscritos, cartapacios e publicacións

Obxectos persoais, manuscritos, cartapacios e publicacións de Galaxia, xunto a outros obxectos, acompañan as fotografías para ofrecer ao espectador unha imaxe aproximada da gran influencia que 'don Paco' tivo para impulsar a arte galega e actuar de amálgama entre os artistas.

"Figuras como Del Riego non teñen que caer no esquecemento. Fixo país para Galicia. E respecto á arte, fixo Galicia divulgando a arte galega, traballando cos artistas galegos, comprando obras cando os artistas estaban a pasalo mal", explica Liz de Cea, que lembra o legado en forma de obras da súa colección persoal que deixou á cidade de Vigo.

"A través simplemente deses cadros e dos extractos dos seus artigos, do que el pensaba sobre os artistas, imos tentar mostrar os importante que foi esta figura", engade.

Destaca Liz de Cea que o labor de Del Riego foi constante, e que non só promoveu e divulgou a arte de 'O novos' senón que sentiu curiosidade e gozou das obras das novas xeracións, xa avanzados os anos 80, cando a súa figura xa era un referente na cultura galega.