Un "clásico en vida", "coñecedor dos segredos da poderosa maxia das palabras" ou "patriota da lingua" foron algunhas das verbas adicadas ao escritor, articulista, ensaísta, poeta, político e profesor Xosé Luís Méndez Ferrín, que onte recolleu o premio "Voz de Liberdade 2017" co que lle distinguiu o PEN Galicia pola súa defensa da liberdade de opinión e de expresión agora, a través dos seus artigos publicados en FARO DE VIGO pero tamén pola súa íntegra traxectoria que o levou a ser detido, xulgado e encadeado durante dous anos na época franquista por escribir o libro "O corvo, a figueira e a fouce de ouro", aínda inédito, que dedicaba aos "guerrilleiros galegos que loitaron contra Franco".

No seu discurso, para pechar o acto no que se lle entregou un premio realizado polo escultor Acisclo Manzano, Méndez Ferrín respostou con humildade ao laudatio brindado polos intervintes na homenaxe, celebrada na sala de conferencias da sede viguesa de Afundación e que contou coa actuación musical de Xardín desordenado. "Grazas. Beizóns por terse acordado desta pantasma do século XX para entregar o premio", comezou o escritor a súa intervención na que lembrou tres datas fundamentais, "as luces emancipatorias que nos incendian dende o pasado", dende Filadelfia no 1776 coa Declaración da Independencia dos Estados Unidos, o 1793 coa Declaración en París dos Dereitos do Home e "as palabras ineludibles como frontispicio que foron liberdade, igualdade, fraternidade" e a de 1917 de Petrogrado, na Revolución Rusa, que engadiu ás anteriores "comunismo, socialismo e unidade dos sexos humanos". "Sen eles a liberdade sería un ben para só gozaren en exclusiva as clases opresoras", lembrou.

"Son os degraos sobre os que a contemporaneidade avanza", remarcou Méndez Ferrín, que reivindicou que tras estes fitos "non pode negarse o dereito á autodeterminación dos pobos, nunca poderán ser ignorados os dereitos individuais nin o amor en igualdade entre os suxeitos, nin os dereitos colectivos nin os feministas, que serán conculcados moitas veces pero hai unha estrela vermella que nalgún punto do ceo avisa da ilexitimidade radical da explotación dos humanos polos humanos".

"Eu só fun un escritor ao servizo egoísta dos meus propios desexos individuais, eles foron os da conversión de Galicia dun arrabaldo a un centro como quería Xoán Vicente Viqueira, o meu desexo dunha Galicia en forma de república campesiña, que era idea orixinal de Ramón Otero Pedrayo, ampliou a súa base como manda a letra da internacional escrita por Pottier e converteuse en desexo dunha república galega, a de Manuel Antonio, obreira e campesiña. Así fun sentindo na miña longa vida como estas pulsións coincidían coas de millóns de homes e mulleres do mundo enteiro que purraban e purran por derrubar os vellos muros", relatou o premiado. "Algúns xa caeron, o da escrativude non vai levantarse nunca máis, o do feudalismo xa caeu e espero que non se levante outra vez", engadiu con sorna arrincando as sorrisas dos presentes. "E iso alumeou a miña mesa de traballo coas tres luces das que eu falaba ao principio e fixo de min o escritor que quixen ser, escritor, como dicía Castelao, galego, inatacable aos ácidos e infusible ao soplete. Velaiquí o meu propósito inicial de vida, conseguino só en parte", rematou Ferrín o seu discurso, que puxo en pé a un auditorio que lle brindou dos minutos de sentidos aplausos.