Trala apertura de Xabier Castro, director técnico de PEN Galicia que leu un texto de Bieito Iglesias sobre Méndez Ferrín, o presidente da entidade, Luís González Tosar, destacou a relevancia do galardón, "que ainda que cunha formulación distinta ten a mesma motivación que a nosa organización internacional". PEN é a única asociación mundial de escritores, fundada en 1921, e un dos seus obxectivos é loitar pola liberdade de expresión. "Premiamos a quen nos ten premiado coa defensa da liberdade de expresión e opinión", subliñou González Tosar, que lembrou que o escritor foi o seu profesor no instituto Santa Irene de Vigo. "Marcou definitivamente a moitas xeracións de alumnos e especialmente a miña porque desapareceu ao ser encadeado", manifestou.

Ánxela Gracián, secretaria da entidade, leu a continuación o acta da reunión na que se aprobou por maioría a concesión do premio a "un clásico en vida", "por ter exercido a liberdade de expresión mesmo na etapa de Franco".

Tras ela, falou Xosé Ramón Pena, que destacou que "vimos de cumplir sequera unha pequena parte da débeda que todos os galegos e a nosa cultura e o xornalismo temos con Méndez Ferrín", do que dixo que "coñece todos os segredos da poderosa maxia das palabras".

En representación de "A Trabe de ouro" interviu Rosa López, secretaria da revista de pensamento crítico fundada en 1990, "un espazo de contrapoder como moitos dos que creou". "Falar da Trabe é falar de Ferrín, que sabe mellor que ninguén o significado das longas noites de pedra", dixo.

Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, celebrou "o compromiso intelectual, fondo e coherente" do escritor que "sitúase nun ronsel de persoas ilustres no ámbito da literatura galega que se iniciou no 2003 co primer premio a Bernardiño Graña e ao que aporta un perfil moito más ampo e diverso".

No seu turno, o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, calificouno de "patriota da lingua" e "expoñente da Galicia universal que apuntala e fortalece cada día co seu traballo". "É moito o que nos separa, pero os dous profesamos a fe galeguista que é a máis grande militancia na que un galego de ben debe militar", subliñou Santalices, que citou unha carta de Otero Pedrayo que se atopa na biblioteca da Cámara galega na que éste se felicita da "nova xeración" que chegaba e na que se atopaba Méndez Ferrín, que foi o seu alumno, "porque está asegurado o porvir do galeguismo".