"A miña 'Tita Cal' coñézoa desde que era un mociño. Quero dicir que ela e Valentín Paz Andrade foron íntimos amigos, queridos compañeiros e creo que iso é relevante", comentou o fillo do homenaxeado, Alfonso Paz Andrade, ao tomar a palabra. "Éme motivo de fonda ledicia estar con vós neste centro de ensino, cuxa memoria da anterga Escola de Comercio foi recuperada co esforzo valeroso dunha chea de mestres hoxe aquí presentes e o claustro directivo. Ese esforzo valeu para salvar unha institución docente moi valiosa para a sociedade, como plataforma da experiencia profesional", destacou. "Teño atopado valiosos alumnos destas aulas en diversas empresas", lembrou.

Tamén destacou os estudos e traballos do seu pai en economía e industrias pesqueiras."Fago unha expresión de gratitude no nome da miña familia; a miña muller atópase traballando en Escocia, o meu fillo faino desde hai unha década en Brasil e a miña filla traballa en Londres", afirmou, "e no nome deles e de miña nai, que hoxe non pudo estar aquí por razóns de idade, porque leva ben cumpridos os 97 anos amoso esa gratitude por haberse lembrado da memoria do meu pai". Alfonso asumiu a súa tarefa como unha encarga familiar. Alfonso Paz Andrade amosouse "satisfeito" polo alcalde da cidade, Abel Caballero e tamén pola maneira da que está "a transformar a cidade".