Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desafíos das industrias culturais

A cultura galega, o mellor espello

Representantes dos sectores industriais vinculados á cultura en Galicia examinan os seus retos para este ano

Aspecto do público no Teatro García Barbón Afundación de Vigo durante un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia o pasado mes de decembro. // Ricardo Grobas

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegura que dende a Xunta de Galicia contemplan o crecemento das industrias culturais galegas como un feito. "Nós imos apoiar, difundir e darlle os mecanismos que nos permite a situación actual para que medre, exporte, teña unha maior dinamización interior e emprenda", asevera.

Sector editorial e do libro

"Vivimos momentos de resistencia", asegura Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, "desde 2008 hai unha caída en picado da produción editorial, das axudas para a compra de libros nas bibliotecas públicas e unha caída imparábel do galego".

Ballesteros, así como o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, pon os seus esforzos en "que se poña en marcha a lei do libro de 2006". "Hai que desenrolar artigos como o da creación do consello asesor do libro e o da cámara do libro para a internacionalización do noso sector", afirma.

Neste eido, Anxo Lorenzo considera a lei do libro como "obsoleta". "É un documento realizado antes da crise e da transformación dixital e a situación actual sobrepasouna", apunta o secretario xeral, quen incide na partida de axudas de 750.000 euros para a compra nas bibliotecas e a tradución.

Lorenzo ve fundamental o "fomento da lectura" e novas formas de consumo no ámbito dixital. "O reto segue sendo o propio fortalecemento das empresas e de todo o sector", asevera.

Audiovisual e cinema

"Aínda que a presencia do audiovisual galego nos foros, mercados e festivas é cada vez mellor é necesario que se consolide a súa internacionalización e se dispoña dos recursos e accións necesarios para logralo, aproveitando ademais o bo momento do sector en canto a premios e vendas internacionais. O pulo do Novo Cinema Galego e da ficción para televisión reforzan esa necesidade", di a presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Dolores Ben.

Na necesidade de exportar o noso audiovisual tamén coincide Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), quen o considera un dos retos para este ano: "O ano pasado foi fantástico en canto á crítica e na chegada das nosas películas ás salas de cine. Hai exemplos de cintas moi exitosas nas que a Xunta tivo participación como son ´Mimosas´ [de Oliver Laxe] que gañou o Premio da Crítica en Cannes e ´María (y los demás)´ [de Nely Reguera] que estivo e San Sebastián. Cando saes por ahí todo o mundo te fala do bo momento que vive o audiovisual en Galicia".

A representante das productoras independentes galegas reclama que "o papel da Administración, da Televisión de Galicia e dos medios de comunicación deberá ser, como noutros sectores puxantes, impulsar e dar visibilidade propia e positiva do sector, algo que inxustamente non ocorre como debera".

Dolores Ben considera que o futuro do audiovisual galego para por "apostar por novos formatos e novas empresas, diversificar a produción, sempre sen esquecer a nosa identidade e tratando de que os profesionais poidan xerar contidos e traballar dende a nosa terra". "Son xente formada, con criterio e creatividade, que merecen a axuda necesaria para que todo isto revirta aquí", di.

Artes escénicas

"Este ano imos incrementar o número de funcións e seguiremos coas nosas programacións. O reto é seguir incrementando o número de espectadores de teatro galego e apoiar ás compañías para que teñan presenza nas ferias de España". Así define os desafíos das artes escénicas galegas o director da Agadic.

Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego (CDG), ten como obxectivos aunar á profesión galega entorno ao centro para poder traballar xuntos, localizar as necesidades das artes escénicas do país, impulsar a renovación -"Hay moito talento novo que está saíndo con forza"- e consolidar ao público actual para tratar de chegar a máis xente. "O CDG ten que ser unha casa de todos, o fundamental é seguir facendo boas propostas escénicas, xa temos os mimbres", apunta Noia.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia expresou a súa "inquietude" e "decepción" ante a "escasa produción" e a "baixa contratación actoral" que desenvolverá o CDG nesta tempada e considerou que o centro debe "recuperar o seu papel de teatro nacional". Nesta liña, Sutil destacou que a programación é moi completa e traballada: "Levávamos moito tempo agardando para ver a Valle en galego, evidentemente sempre se pode querer máis pero estou moi satisfeito co traballo que se está facendo".

Noia defende que o proxecto que hai detrás da representación das obras de Valle-Inclán baixo o título de "Martes de carnaval" está moi traballado e asegura que se representan dous dos tres textos do autor por un "criterio de edición". "Paréceme inxusto dicir que é un proxecto coxo, non é certo", engade. Será a primeira vez que os textos de Valle suban á escena en galego.

Xesús Ron, director teatral na compañía galega Chévere, cree que é "enganoso" identificar as artes escénicas coa industria porque limita que poidan mellorar a través das políticas axeitadas. "Deberían considerarse como artes ao vivo, a súa naturaleza real é que son efémeras", apunta. Ron pídelle á Administración que faga "políticas de consolidación de postos de traballo" e trate ás compañías como estruturas profesionais.

Música e festivais

Joaquín Martínez, director da produtora Esmerarte, asegura que a industria musical crea empleo pero "non pode competir coas administracións", ás que lles pide que non se dediquen a organizar concertos porque "queiman recursos e logo non poden apoiar á industria".

"É o sector máis internacionalizado e ahí seguiremos, incrementando as nosas axudas cara a distribución exterior", asegura Jacobo Sutil, quen destaca a celebración do Womex, a feira das músicas do mundo, o pasado ano en Compostela, como punto clave do seu apoio ás empresas musicais.

Pola súa parte, Julio Gómez, director do festival Sinsal da Illa de San Simón, chama a unha maior "promoción exterior" xa que considera que a oferta galega pode atraer a públicos de todo o mundo. "Temos un territorio cinco estrelas", di.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou na entrega dos Premios da Cultura Galega a intención do seu Goberno de elaborar unha Estratexia da Cultura Galega 2021. Esta semana o Consello deulle luz verde a este documento que busca "fortalecer a nosa industria cultural, para que cree máis riqueza e postos de traballo e ensanche a súa base, para non estar limitada só aos grandes núcleos de poboación". Segundo o calendario anunciado, en xuño estará listo o primeiro borrador e no mes de novembro votaríase o texto definitivo deste plan.

Compartir el artículo

stats