Logo dun longo período de xestación, o punto gal xa é unha realidade en Galicia. A páxina 'www.dominio.gal', a primeira web baixo o dominio de internet de Galicia foi activada na véspera do Día dás Letras Galegas e do Día Mundial de Internet. A posta de largo foi definida polos promotores da iniciativa como "un éxito colectivo da sociedade galega", aínda que os portais pioneiros do dominio '.gal' empezarán a funcionar o 25 de xullo.

"E un fito histórico, izamos a bandeira de Galicia na rede", proclamou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, encargado de premer a tecla para activar a web nun acto no que tamén interviñeron o catedrático da USC Xosé Antonio Gómez Segade, e o presidente da Asociación PuntoGAL, Manuel González, quen deu as grazas a todos os que contribuíron a esta aposta en internet.

A Asociación está formada por 114 entidades de todos os sectores, incluídas as principais organizacións culturais galegas e ducias de asociacións culturais de base. González destacou a implicación dos anteriores responsables autonómicos e do actual Goberno, antes de subliñar que en 7 anos de traballo se logrou que máis de 12.000 persoas "apoiasen" esta iniciativa "integradora e democrática".

Este "apoio" -reivindicou- resultou "fundamental" para que a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (Icann) aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. Unha vez logrado, González proclamou que, cun dominio propio, os galegos serán "máis respectados no mundo". "Repercutirá na súa autoestima", sinalou.

Feijóo celebrou os posibles efectos económicos da iniciativa sobre a economía galega e agregou que será na comunidade onde "se deseñe e aplique a política de comercialización, de mercadotecnia ou de comunicación,", o que sitúa á comunidade nunha boa posición para participar na expansión desta industria. En canto ás vantaxes para emprendedores, sinalou que '.gal' facilita que se poidan valer dunha marca "única e propia" para destacar a súa proximidade física e cultural ao cliente galego. Tamén permite asociar produtos galegos cos "valores positivos" que xa ten a 'Marca Galicia', ao dispoñer dunha etiqueta útil para mellorar a súa facturación en liña; e posibilita aumentar o tráfico das páxinas en galego e, polo tanto, os seus ingresos publicitados.

A marxe de beneficios económicos, o presidente incidiu en que o novo dominio dota á lingua e á cultura da comunidade "dun selo propio na rede" e convértese no "mellor salvoconduto para que Galicia atravese fronteiras e se faga visible en todo o mundo". Argumentou "actos coma este explican porque no cemiterio dos pobos e das culturas non está Galicia".

Así, reivindicou que brinda "unha oportunidade aínda mellor" que os beneficios puramente económicos, en alusión a conseguir que Galicia teña "unha maior proxección nun mundo no que tamén pode e debe ter presenza, o dixital". Conforme este paso, a comunidade galega poderá participar con voz propia no goberno da Icann e sentar nas mesas nas que tomen decisións relevantes para a gobernanza de internet, ao tempo que abre a porta a unha maior presenza do galego na rede.

"Co arranque da primeira páxina con apelido galego, con dominio .gal, izamos a bandeira de Galicia na rede e demostramos que o pobo galego sempre está disposto a sumar cando se trata de abrirnos e de abrirnos ao futuro", resolveu Feijóo.

Pola súa banda, Xosé Antonio Gómez Segade explicou o funcionamento do sistema de nome de dominios e destacou a importancia simbólica do identificador pois "o dominio puntoGAL é o barco polo que a lingua e a cultura galegas van navegar polo ciberespazo".

Prazos

Os prazos e requisitos que rexen o lanzamento do '.gal', estrutúranse en tres fases. Na primeira, baixo o lema de 'Programa Pioneiros', abrirase o prazo para solicitudes o 1 de xuño, que se prolongará todo o mes. A asociación seleccionará ata un máximo de 'nomes pioneiros' baseándose en criterios de "visibilidade e notoriedade". Neles buscarase que estea representado o amplo espectro da sociedade galega, é dicir, administracións públicas, empresas e outro tipo de entidades. Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na rede o 25 de xullo, con motivo do Día de Galicia, e terán a vantaxe de publicar os seus webs baixo este dominio catro meses antes que o resto, gozando dunha maior visibilidade. Iso si, terán que afrontar un prezo especial (entre 400 e 3.000 euros segundo o tipo de solicitante) e cumprir unha serie de requisitos.