Os concellos nos que se celebra o Entroido dos Xenerais da Ulla ultiman os detalles da vindeira edición, que contará cunha trintena de actos entre o 11 de febreiro e o 5 de marzo en distintos lugares e parroquias. Co gallo de avanzar na coordenación do programa tivo lugar na mañá de onte unha xuntanza en Teo con técnicos e representantes políticos dos oito municipios que conforman o grupo de traballo para a promoción conxunta desta festa de interese turístico galego; en concreto, estiveron presentes os alcaldes de Silleda, Vila de Cruces -xunto á concelleira de Presidencia-, Boqueixón e Touro e edís da Estrada, Santiago, Teo e Vedra.

As primeiras citas serán o día 11 en Vilanova (Vedra) e Bamonde (Teo). A primera parroquia dezá en debutar será, un ano máis, Lamela, á semana seguinte, o sábado 18, mentras que ao día seguinte, domingo 19, será a quenda de Merza. As citas na Bandeira e Cora será o sábado 25 e seguiranlles, o domingo 26, a de Couso, e o martes 28, á da Estrada. Xa en marzo, Arnois, o día 4, e Salgueiros, o 5, serán as últimas oportunidades para contemplar aos xenerais en acción nas bisbarras.

Na reunión de onte ultimáronse as principais accións a levar a cabo durante 2017. Amais de dar continuidade e reforzar ás de anos anteriores, fíxanse como prioridades a consolidación dun orzamento estable que garanta as accións de dinamización e promoción deste Entroido ao longo de todo o ano. Para elo, canda o compromiso de cada concello, o grupo conta co respaldo da Xunta de Galicia e das deputacións da Coruña e de Pontevedra.

Este grupo de traballo intermunicipal ten o seu protocolo de colaboración asinado polos alcaldes dos oito concellos en xaneiro do ano pasado, convenio que actualizaba e reforzaba o anterior de 2012 e que ten por obxectivo afondar na colaboración para a recuperación total desta festa tradicional e a súa consolidación como un atractivo turístico que poida aumentar a demanda en temporada baixa.

O Entroido da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron daquela: A invasión napoleónica, as guerras carlistas ou a revolución de 1846. As personaxes máis importantes son os xenerais e correos, dacabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando "vivas" a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais de política ou da vida social.