Francisco Conde | Profesor de Filosofía, psicólogo

“A día de hoxe máis que a felicidade o que se busca é a intensidade”

“Os referentes sociais non son científicos, humanistas, intelectuais, senón máis ben figuras do espectáculo, futbolistas etc, o que se busca é unha recompensa inmediata”

O profesor de filosofía e psicólogo Francisco Conde.

O profesor de filosofía e psicólogo Francisco Conde. / FdV

A Semana Galega de Filosofía despide hoxe a súa 40 edición, adicada a reflexionar sobre o tempo. Entre os ponentes desta xornada final, o profesor de filosofía e psicólogo Francisco Conde, que participará na sesión de mañá (as de contido máis puramente filosófico) para falar destes tempos que vivimos, reducidos a “intensidades, emocións e experiencias presentes”, explica, acompañadas dun horizonte de futuro incerto.

–Que mensaxe quere trasladar aos participantes na Semana Galega de Filosofía?

–Como este ano a Semana é sobre a cuestión do tempo e eu teño doble vida intelectual (sorrí), por unha parte son profesor de filosofía e por outra psicólogo e psicanalista, parecíame interesante abordar o problema desde eses dous campos e facer un contraste entre a visión do tempo, e sobre todo da historia, dun filósofo marxista como Walter Benjamin e a lectura que fai a psicoanálise do presentismo da contemporaneidade.

–Como é hoxe a concepción do tempo no capitalismo contemporáneo?

–Habería moitas maneiras de abordalo, eu intento facer unha lectura desde este hiperdiagnóstico do trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), que vexo como unha especie de encapsulamento dos suxeitos na dimensión presente, a perda de calquera expectativa de futuro, e incluso a negativa da memoria, do pasado, da propia historia tanto a nivel colectivo coma individual.

–Como sociedade psicolóxicamente como estamos?

–Realmente a psicoloxía sempre remite a algo individual, pero pódense ver certos trazos colectivos dunha época social de hiperexcitación, incitación á compulsión de ter que experimentar todo, dun cada vez máis, un empuxe a ter que ter máis experiencias, máis intensas cada vez, prácticas de risco en moitas ocasións e dunha maneira un tanto acéfala, onde o que manda son as pulsións dos suxeitos e non tanto seu desexo.

–Estamos moi centrados nos praceres e non tanto, xa non digo na felicidade, senón na paz?

O pracer non ten nada negativo, o que sucede é que estamos nunha época na que claramente estamos máis alá do pracer, como dí o título dunha das obras centrais de Freud, estamos nunha época onde hai prácticas que superan a barreira do pracer e nos colocan nunha orde diferente, máis mortificante, nunha compulsión que ten unha cara de sufrimento. O pracer evidentemente non é algo negativo e forma parte da felicidade, pero a día de hoxe máis que a felicidade o que se busca é a intensidade, e eso é diferente.

Se a idade neoliberal se caracterizaba pola promesa de que a través do esforzo, tanto a nivel de formación coma de carreira laboral, se podía chegar a determinados bens e a certo benestar, cada vez ese discurso ten menos peso e o que se busca é a recompensa inmediata

–A pandemia modificou estes aspectos?

–Tampouco penso que houbera unha transformación radical. Para unha xeración sí, que coincidiu coa súa adolescencia e evidentemente ahí puido haber algo, pero penso que son rasgos que se veñen dando dende hai tempo. É unha época histórica máis ampla, unha fase da sociedade neoliberal, incluso podería pensarse nun postneoliberalismo, e a pesar de que a pandemia agudizou a ruptura dos lazos sociais non creo que fora determinante nesta hipermodernidade exacerbada da emoción, da intensidade.

–Que papel cumple o traballo en todo este escenario?

–Hai un cambio radical na época. Se a idade neoliberal se caracterizaba pola promesa de que a través do esforzo, tanto a nivel de formación coma de carreira laboral, se podía chegar a determinados bens e a certo benestar, cada vez ese discurso ten menos peso e o que se busca é a recompensa inmediata. Os referentes sociais non son científicos, humanistas, intelectuais, senón que máis ben son figuras do espectáculo, futbolistas etc, onde o que se busca é unha recompensa inmediata que non pase por ningún tipo de esforzo. Hai algo de eso na época, entón o traballo está minusvalorizado nese sentido, ninguén aspira a realizarse no seu traballo, ou pouca xente, como podía ser a promesa neoliberal, senón que estamos nunha fase distinta. E eso relacionase cunha vivencia do tempo, unha vivencia do tempo que é asfixiante, que é un presentismo no que si non se recibe a recompensa agora mesmo, parece que non ten sentido o que se fai.

“Parece que o individuo ten dereito a todo, sin responsabilidades ou deberes... Unha deriva perigosa”

–Forma parte dun grupo de investigación do CSIC sobre as constelacións do autoritarismo como amenaza para a democracia. En que momento estamos neste campo?

–Pois xustamente é o que acabamos de falar. Esta vivencia do tempo influe moito en que sexamos lábiles a propostas que nos prometen obter de maneira inmediata e sen límite a recompensa ou a satisfacción que só poden chegar a través dun camiño moito máis longo. Por iso hai un risco na sociedade actual, que é deixarse seducir por estas promesas onde todo está permitido, onde todo se pode facer, onde a crise ecolóxica non ten ningún lugar, onde a natureza pode ser explotada de maneira radical sen ningún risco. E esta vivencia do tempo relacionase cun risco autoritario, hai unha sombra autoritaria que rodea á época e ten que ver con querelo todo xa, sin límite.

–É eso de que o importante é que nos poñan unha caña, non que morra a nosa aboa contaxiada

–Sí, exactamente. Ahí detrás vese claramente que hai unha demanda dos suxeitos e tamén uns procesos educativos dos medios (sorrí) e da sociedade en xeral na que parece que o individuo ten dereito a todo, sin responsabilidades ou sin deberes. Esto sin caer nunha especie de moralismo, pero está claro que ahí dase unha deriva perigosa. Por eso os discursos políticos que falan de límites teñen unha situación complicada para gañar clientela e impoñense aqueles outros que identifican un inimigo de maneira simplona e din que unha vez expulsado ese inimigo da sociedade será posible obter a felicidade e a realización completa.