A Deputación promete adaptar o proxecto de humanización de Campelo ás propostas dos veciños

Os técnicos expoñen a actuación aos afectados

Reunión en Campelo.   | // FDV

Reunión en Campelo. | // FDV / R. P.

R. P.

Técnicos da Deputación explicaron aos veciños o proxecto para mellorar a seguranza viaria e crear unha senda peonil na EP 0601, entre Campelo e o entorno da Seara. O goberno provincial destacou que “este proxecto data do ano 2022, e xa estaba pechado cando o novo goberno chegou á Deputación de Pontevedra pero que, a petición do alcalde Ángel Moldes, están dispostos a facer modificacións e asumir eses custes económicos para adaptalo ás necesidades reais e propostas dos veciños que residen neste lugar”.

Nesta liña, a deputada provincial Isabel Couselo puntualizou que o actual concello “amosou as súas dúbidas cunha rotonda e a alternativa que se propoñía no proxecto para o sentido único de circulación, xa que desviaban o tráfico polos Mouchos, un camiño municipal que en absoluto ten capacidade para asumir todo ese fluxo de coches”. E por iso decidiron trasladar o proxecto aos veciños para escoitar as súas opinións.

Nesta liña, sinalou que “si hai que cambiar algo no proxecto, é o momento de facelo. Redactar un proxecto que guste a todos é imposible, pero si pode contemplar a opinión da maioría e facer unha proposta que se adapte ás necesidades e particularidades de Campelo e, sobre todo, que non provoque novos problemas”. Referiuse así a que ao instaurar o sentido único desde a Praza da Granxa ata o camiño dos Mouchos, o proxecto de 2022 desvía o tráfico en sentido inverso (o que acceda desde a PO-308) por un camiño municipal “que non ten ancho nin capacidade para asumir eses coches, o que prexudicará á seguridade dos veciños dese lugar”, dúbidas que tamén compartiron os veciños cuestionando que esa alternativa sexa a idónea.

O proxecto pódese consultar nas redes sociais do Concello de Poio. Ten un orzamento de tres millóns de euros e afecta a un tramo de 1,8 metros de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.