Fica coa Bola: Fútbol modesto para conquistar Youtube

A canle do pontevedrés Anxo Tato acada o premio Youtubeiras na categoría de pioneira

Anxo Tato recollendo o premio a canle pioneira de Youtubeiras.   | // FDV

Anxo Tato recollendo o premio a canle pioneira de Youtubeiras. | // FDV / C. Prieto

C. Prieto

Dous proxectos pontevedreses triunfaron a pasada fin de semana na última edición dos premios Youtubeiras, uns galardóns que teñen como finalidade estimular a creación na canle de Youtube en lingua galega con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na rede.

Savia Nova, de Iván Pérez, acadou o premio do público, mentres que Fica coa Bola fíxose co galardón na categoría de canle pioneira. “Como moita xente, empezamos durante a pandemia, máis que nada por non estar no sofá tirados ou cociñando”, bromea un dos promotores deste medio dixital sobre o fútbol galego, Anxo Tato Arjona. Comezaron falando da Champions en castelán, pero moi rápido decidiron apostar polo propio, polo fútbol modesto, de ámbito local, de Preferente e categorías autonómicas, e en pouco tempo armaron unha comunidade que case catro anos despois continúa a crecer.

“Queremos rachar coa barreira do prexuizo sobre o galego. Creo que ese foi o punto diferencial para o crecemento da canle. Por iso este premio é un recoñecemento a todo o traballo que facemos sen practicamente gañar un can, todo é altruista e por amor ao fútbol galego”, relata Tato, que destaca a comunidade que están a crear en Fica na Bola el e Antón Vieites e que ten o mellor exemplo na sección do once galego da xornada: “É moito traballo porque temos que ver moitos partidos e moitas actas, pero hai moita xente que nos escribe para dicirnos que xogadores destacaron, mesmo os propios xogadores avisan de que temos que meter a alguén no once porque marcou varios goles ou fixo un partidazo”, valora este xoven de Lourizán.

Iván Pérez recollendo o premio.   | // FDV

Iván Pérez recollendo o premio. | // FDV / C. Prieto

O once galego da xornada é un dos puntos fortes da canle, pero contan con máis seccións e entrevistas, aínda que xa dun xeito máis atemporal. O obxectivo agora é “seguir medrando, que cada vez máis xente vexa o nosos vídeos e o noso contido. Hai pouco acadamos o partner de Youtube, entón agora por anuncios acumulamos algúns cartos, pero son cantidades moi baixas. Fica coa Bola realmente é unha práctica para nós, traballar nisto axúdanos para medrar como profesionais”.

O proxecto pontevedrés Savia Nova acada o premio do público de Youtubeiras

O proxecto audiovisual Savia Nova, que amosa as virtudes e problemas do monte galego, era outro dos aspirantes pontevedreses aos premios “Youtubeiras” 2024 que finalmente acadou o galardón do público.

Posto en marcha en 2018 polo pontevedrés Iván Pérez, Savia Nova ten divulgado interesantes contidos a través da internet, co obxectivo de concienciar no coidado do medio ambiente.

A utilización da lingua propia fixo que a iniciativa fora elexida para gañar dous dos galardóns convocados por varias institucións galegas, entre elas o Concello de Pontevedra. Así, competíu nas categorías de “Revelación” e “Premio do público”, acadando este último.

Iván Pérez planea viaxar a Namibia, país no que traballa Rubén Portas, o investigador pontevedrés especializado no estudo dos guepardos e leopardos entrevistado no vídeo de Youtube elixido na categoría do público.

Suscríbete para seguir leyendo