A aldea de Alcouce, próxima ao Camiño en Vilaboa, será “humanizada”

O Concello encarga un proxecto para actuar neste conxunto tradicional

REDACCIÓN

O Concello de Vilaboa comezará en breve a redacción do proxecto de “humanización” da aldea ou conxunto tradicional de Alcouce, en Figueirido, a través dunha subvención provincial concedida ao abeiro do Plan Ágora. É unha actuación que buscará mellorar o rueiro deste núcleo rural situado a escasos metros do tramo do Camiño Portugués que atravesa Vilaboa, poñendo en valor a singularidade arquitectónica dun entorno composto por tradicionais casas labregas.

Esta aldea conta xa cunha catalogación específica no PXOM e o alcalde, César Poza, apunta que se apostará pola plataforma única na sección dos rueiros, substituíndo o pavimento actual de aglomerado asfáltico por acabados de maior calidade e integración no conxunto arquitectónico, dotando aos espazos públicos de mobiliario urbano, zonas de sombra e nova iluminación. Preténdese tamén, na medida do posible, soterrar o cableado da rede de alumeado e de electricidade existente que discorren en aéreo e a renovación das luminarias, con criterios de calidade e aforro enerxético.