Un museo para reivindicar a Díaz Pardo

“Isaac deuno todo, coma un comunista auténtico”, asegura o arqueólogo Felipe-Senén López Gómez na súa visita á colección sobre o galeguista da pontevedresa Loli Beloso

Loli Beloso amosa unha das figuras da súa colección a Felipe-Senén López Gómez.   // RAFA VÁZQUEZ

Loli Beloso amosa unha das figuras da súa colección a Felipe-Senén López Gómez. // RAFA VÁZQUEZ / Ana López

“É necesario reivindicar o traballo de Díaz Pardo, a figura máis importante do século XX que incluso burla a dictadura, creando unha serie de iniciativas: Sargadelos, O Castro, Editorial O Castro... e un centro de formación xornalística de medios de comunicación, o IGI, que foi onde case morreu cercado por todo o mundo, en Santiago de Compostela. Foi un artista que puido vivir do que el facía, pero non, tivo unha vida totalmente entregada”. Ninguén mellor que Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo, escritor e fundador e presidente de “Amigos dos Museos de Galicia”, para loubar a figura do intelectual galeguista e artista Isaac Díaz Pardo. E o fixo onte na casa familiar en Tomeza da pontevedresa Loli Beloso, que vén de crear un pequeno museo na honra do fundador de Sargadelos coa súa colección persoal.

“Loli está a cubrir o que as propias institución non fan. É un labor moi singular e particular, reunindo materiais que pertencen tanto a Isaac como a Mimina, a súa esposa, unha muller que sempre estivo aí. Ter en conta a este equipo familiar é moi loable”, celebra López Gómez. “Este é un material digno de musealizar co que se pode facer unha interesante labor didáctica entre a xente nova”.

“Isaac deuno todo, coma un comunista auténtico. Deu a un e outro o que sería a maioría accionarial e o acabaron botando a el”, lembra sobre a fin de Díaz Pardo. “Non se lle debe xulgar polo que dixo, senón polo que calou: cantos intelectuais galegos viviron en silencio do traballo de Isaac e dos propios beneficios que daban Sargadelos e O Castro. Foron moitos, tanto do nacionalismo como do comunismo, retornados de Cuba, de Bos Aires, etc... E iso el nunca o contou, pero o sabemos uns cantos”, sinala o presidente de “Amigos dos Museos de Galicia”.

"Reivindicar esta figura é reivindicar o noso tempo"

Felipe-Senén López Gómez

Neste sentido, lembra que o intelectual galeguista está moi en contra “do poder administrativo e desas burocracias que lle fixeron a vida imposible”. “Puxéronlle problemas por todas as partes e agora a Xunta pretende declarar ben cultural Sargadelos e O Castro, pero non co compromiso coa ética e estética de Isaac, senón como un emporio comercial. Aí había unha misión galega, que era a madurez que era o que decía Castelao e o Seminario de Estudos Galegos, unha praxis que dignificaba á muller traballadora e un equipo arredor das formas de Galicia, nun momento no que se enchía de alúminas e aluminios, Celulosas... a obra de Isaac, pola contra, é modélica”, considera.

Na súa opinión, o goberno galego ten unha grande débeda coa figura de Isaac Díaz Pardo. “Reivindicar esta figura é reivindicar o noso tempo, de significación que tivo coa imaxe do país. Isaac dicía que as formas comunican, se comunican son un idioma, se son un idioma teñen patria. Así que, efectivamente, existe unha arte cunha marca de Galicia”, di.

É por iso que eloxia o esforzo de Loli Beloso por ter viaxado ata a Arxentina para recompilar material sobre o legado de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro, “Mimina”, a súa compañeira de vida. “Son pezas do quebracabezas do puzle que aí hai para compoñer unha historia. Son as que nutren o que ela pretendía, un museo, con todo o que iso implica de didáctica, exposición, arquivo, documentación... É algo moi amplo, pero aquí hai unha base de todo iso. É unha obra curiosa, única, filantrópica neste momento de tanto comercio”, expresa López Gómez.

Bota en falta que as novas xeracións nin sequera saiban quen foi Isaac Díaz Pardo. “Hai que distinguir o noso da cultura universal. O seu saber xunto con Seoane adícao a que estea na cerámica, en cada casa, a arte como marca de país. Non se adica ás galerías. Entrégao todo, tanto deu que se lle apoderáronse de todo e ata o negan”, conclúe apenado.

Suscríbete para seguir leyendo