A oficina de información turística de Poio en Combarro inicia a súa actividade

Está situada nas dependencias do Espazo Municipal de Carreiro do Campo

REDACCIÓN

A tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), informa que desde este mércores 29 de marzo pasará a estar operativa a Oficina de Información Turística de Combarro, situada nas dependencias do Espazo Municipal de Carreiro do Campo. As dependencias abrirán as súas portas en horario continuo, de 9.30 a 20.30 horas, de martes a sábado, mentres que os domingos pola mañá tamén se prestará atención ao público entre as 11.00 e as 13.30 horas. Deste xeito, a oficina estará funcionando a pleno rendemento antes do inicio da Semana Santa, na que, como xa é habitual, se prevé un incremento no número de visitantes que recibirá Poio, sendo como é un destino turístico de referencia no Norte de España. Silvia Díaz lembra que o departamento reforzou o seu persoal coa contratación temporal de dous informadores turísticos, que se incorporan ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2023. Ambas persoas iniciarán o seu labor este mércores. A súa contratación será por sete meses, ata a entrada do outono. Ademais, a tenente de alcalde sinala que o Concello tamén tramitou unha incorporación a maiores para o Casal de Ferreirós, en San Salvador, a través da Rede Info Rías Baixas, que aínda está pendente de resolución. Outro equipamento que tamén estará operativo en Semana Santa será a Casa Museo de Colón, en Portosanto. Neste caso, o horario de atención ao público será de martes a venres de 15.30 a 20.30 horas, mentres que os sábados o servizo será de mañá, de 9.30 a 14.30 horas. As dependencias pecharán domingo e luns. Toda a información de interese vencellada a este sector tamén se pode atopar na web de turismo.