A arte de narrar historias terá de novo premio co segundo “Bótalle un conto”

O Concello presenta a segunda edición dunha iniciativa que busca poñer en valor a riqueza lingüística e a recuperación da tradición oral

Alberto Oubiña amosa o cartel da iniciativa.   // FDV

Alberto Oubiña amosa o cartel da iniciativa. // FDV / R.P.

R.P.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, presentou onte unha nova edición de “Bótalle un conto”, iniciativa que naceu o ano pasado. Trátase dun programa municipal que xa está en marcha e que procura poñer en valor a riqueza lingüística do país, a través dos contos, das lendas e das historias locais empregando o galego como ferramenta de cohesión e unión, mais tamén como ferramenta de socialización.

Pensada coma unha especie de competición interparroquial, tamén entra en xogo a vila, co fin de atopar ao mellor contador ou contadora de historias do municipio de Pontevedra. Para fomentar a participación, fíxanxe unha serie de datas nos locais sociais das parroquias para que a veciñanza se achegue nun intre concreto e participar na gravación do seu conto, cunha duración máxima de catro minutos. Un xurado especialista decidirá cales son os mellores, para así logo ser celebrada a gran final no centro social de Santa María de Xeve, copiándolle o formato a Eurovisión, sendo a parroquia que gañe a que acolla a final do vindeiro ano. Neste 2023 será o 21 de maio. Será un acto aberto ao público.

Haberá premios: tres ceas para dúas persoas para os contos máis valorados na final e un menú degustación para o gañador absoluto.

Cómpre inscribirse chamando ao teléfono de contacto 986 852 271 ou na web do Concello. Cerponzóns, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Marcón e Tomeza serán as primeiras citas, cada unha nun día da semana próxima. Completan o listado o resto de parroquias ata o 19 de abril.Pódese consultar a relación de lugares e datas en apuntate.pontevedra.gal/botalle-un-conto/