O PP de Ponte Caldelas solicitará ao alcalde Andrés Díaz no vindeiro pleno “que faga cumprir de inmediato o contrato á nova concesionaria do Servizo de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos e que poña de forma inmediata os contedores que ofreceu na súa oferta para lograr a concesión da recollida do lixo no concello”. A oposición afirma que “ante este incumprimento, o alcalde decidiu aplicar unha operación cosmética ao servizo e concentrou os contedores que están en mellor estado no centro da vila e nos lugares máis vistosos e deixou no rural contedores destrozados, sen rodas, con parches de aramio e cun cheiro insufrible para veciños”. Por outra banda, o PP asegura que “desde que se fixo cargo a nova empresa o Punto Limpo segue pechado e sen a atención horaria comprometida o que é un novo incumprimento” da concesionaria.