Unha das intervencións que tamén marcou o acto que acolleu onte o Pazo provincial, foi a da deputada de Memoria Histórica, María Ortega, quen sinalou que as reclamacións xudiciais son fundamentais para a reparación e para a restitución da dignidade.

Ortega fixo referencia á imposición "violenta" do franquismo en toda a sociedade, pois "a día de hoxe non é posible falar de maneira aberta da represión, non é posible facer xustiza e reparar as feridas das vítimas, do medo, do silencio e do esquecemento". Así mesmo, manifestou o seu enfado por ter que recorrer a tribunais estranxeiros para condenar ao fascismo español, pois "aquí vetan todos os procesos que se presentan. Non nos queda máis que seguir enchendo de querelas os xulgados".

Por último, María Ortega tamén quixo lembrar ás mulleres represaliadas, que sufriron por partida dobre, "sendo vexadas, rapadas, violadas, non só por razóns políticas, senón por relacións de parentesco e por seren solidarias", concluíu.