Síguenos en redes sociales:

Día das Letras para os mestres que deixan saber e ética

O presidente da Xunta subliña que "habitamos o idioma" e os galegos temos na fala o noso fogar común

Na carballeira de Famelga, onde xogou de neno Antonio Fraguas, xuntáronse onte os representantes da cultura galega, as institucións e a veciñanza de Cotobade para reivindicar o maxisteiro deste galeguista e o seu legado de amor á lingua, á paisaxe e ao país. Foi na cerimonia coa que a Real Academia Galega (RAG) festexou o Día das Letras 2019, adicado a este polifacético autor que foi historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo.

A chuvia do día de primavera obrigou a trasladar o pleno extraordinario a unha carpa, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañou ao presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no acto académico. Este foi toda unha reivindicación do papel dos mestres: do "mestre de mestres" Antonio Fraguas á cabeza, pero tamén daquel escolante de Famelga, de casualidade tamén chamado Don Antonio, que convenceu á familia do noso protagonista de que non emigrara e lle dera carreira. Tamén do mestrado de Lousada Diéguez, Sobrino Buhigas e Castelao no Instituto de Pontevedra.

"Un mestre nas aldeas é un milagre para o futuro", subliñou o presidente da RAG ao dar a benvida á extensa nómina de cargos públicos que convertiron a Cerdedo-Cotobade en epicentro da cultura e as institucións galegas. O titular do Executivo Alberto Núñez Feijóo e o presidente do Parlamento Miguel Santalices encabezaron esta representación na que tamén estiveron os conselleiros de Cultura e Educación, o presidente en funcións do Tribunal Superior de Xustiza, a Valedora do Pobo ou a subdelegada do Goberno en Pontevedra. Con eles, representantes Museo do Pobo, das fundacións Fraguas e Filgueira, a Academia de Farmacia, ou os rectorados das universidades galegas.

Como limiar, a sobriña-neta de Fraguas, Carolina Martínez, descubriu unha placa na pequena escola onde un mestre guiou ao neno Antonio Fraguas polas "primeiras razóns do mundo, as primeiras chispas da curiosidade polo coñecemento, que habían de marcar toda a súa vida", lembrou Freixanes momentos despois na apertura do pleno, ao que tamén se sumaron sobriños do homenaxeado.

Día das Letras Galegas | Miles de persoas saen á rúa en toda Galicia para gritar 'Máis que nunca, Queremos Galego!'

20

Miles de persoas saen á rúa en toda Galicia para gritar 'Máis que nunca, Queremos Galego!'

O acto académico principiou coalectura e de seguido interviron os académicos Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Os tres debuxaron un mapa da vida e os afectos de quen sempre combinou na súa carreira o ensino e a investigación.

A súa nenez, o desenvolvemento do pensamento galeguista, o ingreso nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos ou a inauguración do Museo do Pobo (o vello sono galeguista e proxecto vital de Fraguas) tiveron cabida neste periplo no que se falou dun sabio humilde" que foi represaliado, que non gardou rencor e venceu aos adversarios con traballo

En nome da RAG, que fixo extensivo o recoñecemento á labor de todos os escolantes, Fina Casalderrey expresou a gratitude dos presentes "polos mestres e mestras que nos deixaron un pouso perenne de sabedoría e ética".

O himno galego despediu a cerimonia e deu paso ao acto institucional que celebrou a Xunta a uns quilómetros, na praza de A Chan de Cotobade, e ao que tamén se sumou a presidenta do Congreso, Ana Pastor.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, deu a benvida aos numerosos veciños e cargos políticos que encheron a segunda carpa do día e que foron agasallados co Cantigueiro de Cotobade de Antonio Fraguas.

O presidente da Xunta incidiu en que "habitamos o idioma" e nel os galegos temos "un fogar común no que seguen habitando, grazas ás palabras, os nosos devanceiros". Criticou o "rexurdimento de actitudes que ven no cultivo e promoción do idioma unha especie de anomalía, ou cando menos algo superfluo". Polo contrario, lembrou, o galego é un dos vencellos máis fortes que temos entre nós e velo como un atranco son tendencias que nos resultan "distintas e distantes", de xeito que debemos celebrar a Fraguas "pensando tamén nun tempo ameazado polas rupturas e necesitado de pontes".

O grupo Milladoiro puxo a banda sonora neste encontro no que tomou a palabra un representante da familia, Avelino Martínez Cimadevila, e no que tanto o presidente da Xunta coma o da RAG falaron do galego como lingua do século XXI na que laten os nosos devanceiros.

Víctor F. Freixanes insistiu en que o galego "non é unha lingua local" senón a nai de moitas falas e vai conquistar a modernidade. Citou a Sabela, unha rapaza galega que concursaba nun programa de talentos e que respostou que cantaría en galego "porque teño voz propia". Cada 17 de Maio os galegos lembramos eso, que temos unha fala propia dende a que estamos no mundo.

Pulsa para ver más contenido para ti