Moncha Fuentes e Manolo González e a loita pola reivindicación da literatura galega

Ambos recibiron o Premio Antón Losada na modalidade de creación literaria e na categoría de investigación e ensaio, respectivamente, nun acto no Pazo de Moldes

Autoridades e premiados na entrega dos galardóns do Premio Antón Losada. |   // IÑAKI. OSORIO

Autoridades e premiados na entrega dos galardóns do Premio Antón Losada. | // IÑAKI. OSORIO / REDACCIÓN

R. O.

O Pazo de Moldes (Boborás) acolleu onte a entrega de galardóns da 38ª edición do Premio Anton Losada Diéguez, un certame que premia o traballo de escritores galegos e, a súa vez, honra a memoria e a labor do escritor galeguista que dá nome ao concurso. “O tradutor de sombras” , de Moncha Fuentes, recibiu o galardón na modalidade de creación literaria, mentres que“Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega”, de Manolo González, conseguiu o recoñecemento na modalidade de investigación e ensaio.

No acto, que comezou as 11.00 horas cunha misa na Igrexia de San Mamede de Moldes, estiveron presentes o alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega; a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Manuel Lourenzo. Durante a súas intervencións, Fumega quixo agradecer aos premiados “o seu compromiso coa cultura galega”; Patricia deixou claro que seguirá traballando “polo galeguismo e pola recuperación da memoria”; e Anxo Manuel reivindicou a importancia dun certame que “aúna dúas modalidades como a literaria e a investigación”. Por suposto, tampouco faltaron os membros da Fundación Antonio Losada Diéguez, os familiares do escritor e os dous premiados.

“O tradutor de sombras”

A novela de Moncha Fuentes percorre épocas moi diferentes nun espazo temporal que abrangue dende o ano 1931, cando se funda o Partido Galeguista, ata moi pouco antes do inicio da pandemia. “O tradutor de sombra” invita aos lectores a experimentar os cinco sentidos e a reflexionar cos sentimentos a flor de pel, pois os tres escenarios principais son o estalido da Guerra Civil en 1936, o psiquiátrico de Toén co que profundiza nas enfermidades mentais, e o momento da morte. Todos eles acontecen entre Ourense e Vigo. Ademais, durante a narración, a escritora consegue coas súas verbas que a lectura acade nuns momentos un ritmo demorado e incluso lírico, pero noutros un ritmo tormentoso. Estas características e temas tratados fixeron que o xurado se decantase pola súa novela como gañadora, así o reflexa a súa acta.

Moncha Fuentes (Marín, 1952) iniciouse “tarde” no mundo da escritura, tal e como ela mesma recoñeceu. Non foi ata o ano 2018 cando sae á luz a súa primeira obra, “O mar que nos leva”e ata 2022 a segunda, “O tradutor de sombras”. Sen embargo, os dous libros xa gozan dun gran recoñecemento. “Síntome realmente moi afortunada e magnificamente recompensada, coa primeira novela conseguín o Premio Crítica de Galicia e agora, coa segunda lévome o Premio Antón Losada Diéguez. Non me esperaba para nada chegar ata aquí. Ademais este último libro considero que foi moi complicado”, desvela a propia escritora. Por suposto, xa adianta que continuará a súa traxectoria profesional con novas obras.

Durante a súa intervención recoñeceu que coa súa narración tamén reivindica a loita pola cultura galega e o idioma:“Un dos protagonistas, Néstor, ademáis de ser membro do partido galeguista e amigo de Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo, a través das súas vivencias vaise demostrando a labor deste escritores e intelectuais que deixaron un gran legado”. Esta loita traládase tamén ao seu día a día. Así o demostrou coa última frase do seu discurso: “Este premio é un eco que nos devolve dignificadas as nosas propias voces, eso quere decir que alguén nos escoita”.

“Biografía de José Gil”

Manolo González apostou por “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega” para reivindicar e investigar sobre a falta de conservación e recuperación do patrimonio cinematográfico e fotográfico galego. Faino a través das vivencias de José Gil, un personaxe que o propio escritor define como “o verdadeiro pioneiro do cine en Galicia que, a día de hoxe, non ten o seu nome sobre a tumba na que descansa nin hai eco do seu traballo na industria do audiovisual”. Aínda que a súa obra se engloba na modalidade de investigación, o escritor empregou unha narrativaque recorda a unha reportaxe con frescura e intrega. Unha obra sinxela de ler e entender.

Durante o seu discurso, Manolo González, mostrou a necesidade de darlle unha solución á problemática que amosa durante o seu ensaio: “O patrimonio ten un valor incalculable, unha película antiga é a máquina do tempo perfecta. Hoxe coa dixitalizacion favorécese a sua conservación e catalogación, pero non se traballa para conseguilo”. Nesa mesma liña, tamén criticou que “a filmoteca de Galicia leva tres anos sen director, sen plans específicos de recuperación e sen un orzamento axeitado para conservación e difusión”. Por último, aproveitou a presenza das autoridades para lembrar que “con subvencións da Deputación e da Xunta é posible pasar a 4K gran parte do patrimono e poñelo a disposición da cidadanía nunha plataforma única”.

Asistentes ao acto no Pazo de Moldes, en Boborás.  |   // IÑAKI. OSORIO

Asistentes ao acto no Pazo de Moldes, en Boborás. | // IÑAKI. OSORIO / REDACCIÓN

As orixes dun certame que premia a cultura

O Premio Antón Losada Diéguez foi posto en marcha no 1985 polos concellos de Carballiño e Boborás en colaboración coa Deputación de Ourense. O motivo que impulsou a súa creación foi que nese mesmo ano se lle adica a este escritor o Día das Letras Galegas para recoñecer seu traballo literario. Tamén por fundar a Revistá Nós, por ser parte do Seminario de Estudos Galegos e Irmandades da Fala, e por ter un papel papel clave na Xeración Nós, devolvendo así ao galego e á cultura galega o prestixo roubado en séculos anteriores. Antón Losada Diéguez naceu en Boborás e viviu no que agora se coñece como Pazo de Moldes. Un espazo que conserva a súa familia e que sempre abre para acoller a celebración desde certame literario que aposta por manter viva a publicación de obras en Galego.

O xurado destaca a calidade das obras

Este ano o xurado subliñou a gran calidade das obras de creación que se presentaron a este concurso literario. O que lle complicou as súas tarefas para elixir os gañadores. O grupo do xurado estivo formado polo concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández; polos vogais Celia Pereiro, en representación da Real Academia Galega; Rebeca Blanco, do Consello da Cultura Galega; Xosé Carlos Sierra, do Museo do Pobo Galego; Luis E. González Tosar, da Deputación de Ourense; Rosa María Pérez do Concello de Boborás, Ernesto Xosé González, da USC; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo e Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña; e pola secretaria Julia Rodríguez Fernández. Aínda que a entrega oficial de premios tivo lugar onte en Boborás. A decisión está tomada dende o día 29 de abril ás 11.00 horas. Momento no que se reuniu todo o grupo no concello de Carballiño para elexir cos seus votos as obras premiadas.

Suscríbete para seguir leyendo