A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle onte e hoxe os encontros de cultura dixital ‘Decembro Maker Talks’. Organizados pola Deputación de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo ‘Emprende Makers’ co apoio do campus de Ourense, o evento céntrase na innovación e a tecnoloxía, desde unha perspectiva didáctica e práctica, e nel abórdanse temas como a internet das cousas, robótica, impresión 3D, ciberseguridade e videoxogos.
O panel de convidadas e convidados é moi amplo: membros do coworking e coliving no rural Sende; do Laboratorio Digital Fab Lab de León; da Asociación Española de Empresas Desarrolladoras de Videojuegos e da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos; de PlayStation Iberia e de Multiversial, Ilux Visual Technologies e Virtual Voyagers. Tamén participan expertos como Antonio Fernandes, avaliador de proxectos de innovación e ciberseguridade para a Comisión Europea ou Cristian ‘Espartaco’, general manager en España e Latinoamérica do club Qlash. Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática e coordinador do proxecto ‘Emprende Makers’ na UVigo, foi o encargado este venres de arrancar a programación explicando a rede de centros ‘makers’ posta en marcha no marco deste proxecto, que está a piques de rematar. Tamén se entregaron os premios do ‘Concurso Talento Maker’, no que se convidaba a persoas de 12 a 30 anos a presentar as súas propostas.