Doce caras

M. J. Vilasuso

Isto de votar é o traballo máis democrático que existe, unha gran responsabilidade e tamén unha gran sorte. Aínda que ás veces non somos conscientes disto último. Hai que ir pensando no asunto dende xa. A ocasión ben o merece. Desta volta disque o resultado é máis predecible que nunca. E que toda Galicia o ten claro. Pero ninguén o vai botar a cara ou cruz, iso seguro, porque se precisaría un dodecaedro, que como o seu nome indica, ten 12 caras, para cada votante. Non resultaría práctico. Ademais podería saír unha cousa rara, quen sabe se un monstruo de doce cabezas... Como se pode ver, isto da reflexión anticipada, tamén ten o seu risco. Así que dende hoxe ata o 18-F, podemos cambiar de opinión varias veces ao día. E que gañe o mellor ou o menos malo. En último caso tamén pode ser o que menos prometa, que será o que menos incumpla. Deste xeito non decepciona tanto.