Opinión | Día Mundial do Autismo

Autismo e autista, no día mundial sobre a súa concienciación

O Dicionario da Real Academia Galega vén de actualizar a definición de 'autismo' e 'autista'

Unha nena.

Unha nena. / PV Productions. FREEPIK.

Despois de mudar na Constitución e ser aprobada polo Congreso dos Deputados a substitución do termo “diminuídos” polo de persoas con “discapacidade”, o Dicionario da Real Academia Galega (RAG) actualiza a definición de “autismo” e “autista” a proposta da Federación Autismo Galicia (AG), acordada polo Seminario de Lexicografía da RAG: “De cara a súa adaptación científica do autismo e na percepción social do mesmo, promovendo os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario”. A actualización destes termos pola RAG prodúcese na celebración do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo (DMCA) celebrada cadanseu 2 de abril.

A nova redacción define:

Autismo s. m. Medicina e Psicoloxía. Trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados.

A investigación científica fixo que nos últimos anos mudase a consideración do autismo.

Compre atender ás implicacións do autismo na aprendizaxe.

Observacións: Normalmente utilizase a expresión “trastorno do espectro autista” ou “trastorno do espectro do autismo” (TEA).

Tamén foi actualizada a voz

Autista

Adxectivo

1. Relativo ou pertencente ao autismo.

Trastorno do espectro autista.

Alteracións autistas.

Comportamentos autistas.

2 (Persoa) Que presenta autismo.

Existe unha gran variabilidade no autismo; de feito, non hai dúas persoas autistas iguais.

Substantivo.

3. Persoa que presenta autismo.

Existen moitos estereotipos arredor dos autistas.

O(s) autismo(s) están configurados por persoas únicas e diferentes coas súas propias experiencias, fortalezas, talentos e desafíos, que forman parte da diversidade humana. Encadrados na neurodiversidade non sempre comprendida, e da cal estamos obrigados a desterrar todo tipo de estigmatismos. Os TEA son unha condición de vida, como nos corresponde a tódolos humanos, cunhas manifestacións e necesidades cambiantes en función do seu desenvolvemento, experiencias e apoios adquiridos ao longo da súa vida.

As persoas TEA evolucionan cunha identidade e sentido de pertenza profundamente distinta, conscientes e orgullosos de si mesma. O(s) autismo(s) son hoxe mais ca un modelo médico un modelo social. O(s) TEA de alto funcionamento poden xerar unha diferenza, nunca unha discapacidade.

A neurodiversidade é o resultado das múltiples variacións normais no campo neurobiolóxico, polo que non hai un modelo humano único, senón un conxunto de individuos que formamos parte da diversidade humana, como tamén o é a propia natureza, corrixindo así os prexuízos médicos ou sociais e desterrando os aspectos negativos dos TEA ou o seu comportamento non estandarizado.

"Cando entendamos o concepto de neurodiversidade, poderemos dar un xiro cultural que cambiará non só a nosa maneira de falar dos TEA"

As persoas con TEA interpretan o mundo de maneira única e singular, polo que poden axudar a reducir o estigma arredor das diferenzas na maneira de pensar e aprender. Cando entendamos o concepto de neurodiversidade, poderemos dar un xiro cultural que cambiará non só a nosa maneira de falar dos TEA, senón o noso modo de concibir a creatividade e unha gama máis ampla de formas da intelixencia humana.

Os estereotipos asociados ás persoas con TEA impediron que a nosa cultura acadase todo o seu potencial. Tiñan que ser, e non podía ser doutra maneira, que as propias persoas TEA empurrasen a ciencia e a innovación, así como a sociedade mesma, a través da súa memoria e intelixencia para falármonos de neurodiversidade.

As palabras familia; sociedade; diversidade humana; estigma; capacidade; fortaleza; desafío; talento; barreiras sociais, económicas e culturais; escola; formación; traballo; emprego; saúde; lecer; inclusión; apoio; dignidade; liberdade; participación ou solidariedade, forman parte do “manifesto” polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2024.

*Socio de Honra de Autismo Galicia

Suscríbete para seguir leyendo