O pasado día 14 de outubro, tivo lugar a conferencia de Manuel Gago no Club FARO: “Galicia, unha encrucillada do mundo”. A frase recollida por este diario: a idea da Galicia moderna non foi creada aquí senón na Habana ou Bos Aires, non por descoñecida é do mais oportuno. Sábeo moi ben a nosa cidade, o peso que tiveron os nosos emigrantes, que desde o alén sentiron a riqueza da lingua, a cultura e retornaron a Terra para transformala. Foi o caso de Ramón Nieto, Garcia Barbón, Policarpo Sanz, Martín Echegaray, Sanjurjo Badía, Tomás Alonso, Manuel Núñez...e tantos outros.

As persoas que por unhas razóns ou por outras estivemos fóra de Galicia, puidemos apreciar a nosa singularidade e sentido de pertenza a un país. Os que camiñamos por outros mundos, fomos mais conscientes das nosas orixines. Xa o dicía Tolstoi: “Se queres ser internacionalista, vai primeiro á túa aldea”. Sen embargo, o descoñecemento da nosa historia, xeografía ou bioloxía foi unha eiva difícil de recuperar. A escola, a penas seguiu as recomendacións da UNESCO, que aclara rotundamente que a mellor aprendizaxe é a que se fai desde o contexto de vida e a lingua propia. Coñecer e entender o alleo esta en función do “Coñécete a ti mesmo”, un dos máis famosos aforismos da antiga Grecia que Platón pon en boca de Sócrates.

Obxectos chave ao longo da nosa historia, toda unha serie de pezas “icónicas” de arte e alto valor simbólico, daránnos idea da nosa presencia no mundo, que cómpre incorporar ao noso imaxinario colectivo, como son o “vaso campaniforme” de As Pontes 2.650 a. C. (Biblioteca Xeral da USC); o “Colar da Chousa Nova” de Silleda 4.350 - 4.240 a. C. (Museo de Pontevedra); “As espadas de lingua de serpe” 3.500 a. C. (Museo de Pontevedra); o “Ungüentario bizantino” s. VI e VII, que foi atopado en Vigo en 2003 durante as obras do túnel do Areal. Depositado no Museo das Peregrinacións en Compostela, foi reivindicado polos Amigos dos Pazos, o Concello de Vigo e a cidadanía. Actualmente, despois dunha decisión do Parlamento de Galicia, exhíbese na nosa cidade no Museo do Mar de Galicia. Nesa época, cando o Imperio Romano entra en decadencia, Vigo e a súa comarca tivo moita importancia, coa chegada dos combatentes xermanos, iniciándose no noroeste da península Ibérica o primeiro reino dos Suevos en Occidente; Dupondio de Caetra, 27-25 a. C. (Museo de Lugo). Moeda acuñada en Galicia, na cal aparecen Augusto e un caduceo, símbolo do deus Mercurio e dun pacto ou acordo chave para a romanización de Galicia. Tamén dá conta do nacemento da lingua galega, despois dunha confrontación.

A todos estes obxectos temos que engadir os libros: das invasións (xoia bibliográfica da Irlanda Medieval) e o de Leinster (primeiras mencións ao mítico Breogán), do Trinity College de Dublín; a peregrinación de Exeria, dona galaico romana, primeira escritora ao fin do Imperio Romano; o Mapa de Sawley (primeira carta enciclopédica das Illas Británicas, que contempla Galicia e a Compostela do s. XII); o Cancioneiro da Vaticana; a Biblia Kennicott (Bodleian Libraries da Universidade de Oxford), composta na Coruña no s. XV que marchou abruptamente hai 500 anos; a Imaxe ecuestre do Apóstolo Santiago (Sociedade da Beneficencia de Naturales de Galicia na Habana); a Bandeira do Tercio de galegos de Bos Aires (Museo “Ingeniero Cerviño” da Escola Nacional de Náutica de Arxentina) ou A Santa de Francisco Asorey (Casa de Galicia de Montevideo).

Parafraseando o profesor Gago: “Galicia alén do físico é un conxunto coherente de estilos, historias e traxectorias; que, máis alá do territorio delimitado por ríos e vellos cordais montañosos, tamén (é) un espazo simbólico que podía chegar máis alá...as interaccións dun país e o mundo, son parte tamén da súa cerna: somos quen somos por nós, pero tamén porque o outro nos ve e nos recoñece distintos e singulares. E é precisamente sobre ese recoñecemento, nos valores cos que o construímos, nos tópicos, estereotipos, percepcións e visións, a través dos que as sociedades negocian e se definen. Nese proceso xogase moito: vai máis alá do cultural, para adentrarse no económico, no social e no político. De aí a súa relevancia”.

* Médico psiquiatra e psicanalista. Membro da Asociación Cultural Pertenza