Opinión | Segunda Feira

Non se conformar

Ana Pontón deposita o seu voto durante as pasadas elecciones autonómicas.

Ana Pontón deposita o seu voto durante as pasadas elecciones autonómicas. / XOÁN ALVAREZ

Teño a impresión de que as galegas e galegos que lle outorgaron confianza ás esquerdas na derradeira consulta autonómica esperan da oposición parlamentaria unhas políticas propositivas de emprazamento e presión cívica sobre puntos críticos da realidade que deberían ser transformados ou abolidos. Sábese que o BNG presenta o seu proxecto de lei para a creación dunha empresa nacional reguladora da enerxía e que o PSOE traballa na preparación do seu Congreso en Galicia. E o monopolio colonial de Audasa resulta xa intolerable.

Non se trata só de gratuidade ou baratura ou liberación de tramos de autopista nesta vía que, antano, foi xustamente comparada cunha “navallada”no costado de Galicia. Síntese, case fisicamente, a gravitación nos nosos petos dun capital secreto, dominador e mascarado que nos expreme e nos despreza co seu dereito feudal de peaxe e pontádego. Hai que lle arrincar, cun novo “paso honroso”, tal privilexio anacrónico.

"O monopolio colonial de Audasa resulta xa intolerable"

Referente ás caixas de aforro, que sobreviven en tantos países desenvolvidos, aquí foron agrupadas e envolveitas en celofán demagóxico polo PP para, por fin, entregarllas con propina pública a unha casa de banca estranxeira.

A esquerda en Galicia áchase nun intre propicio para fundar o Banco Público e Galego que as caixas non puideron suplir porque, polo medio, Feixóo entregoullas á súa brigada de demolición, liquidando un soño de Bóveda e de todo o vello galeguismo.

"A esquerda en Galicia áchase nun intre propicio para fundar o Banco Público e Galego que as caixas non puideron suplir"

Noto eu, que non se fala demasiado de política lingüística alternativa, e menos nos termos teóricos que propón Fernando Ramallo. Noutra orde de cousas habería que suscitar iniciativas laicistas que servesen para acadar a Galicia oficialmente neutra en termos relixiosos, como corresponde ao mundo contemporáneo.

Digamos que aquí resulta urxente liberar o Panteón Galego de Ilustres do poder invasivo do arcebispo compostelán restaurando Bonaval como propiedade do pobo. Podiamos falar de outras aspiracións tales un corpo de xendarmería nacional galega.

Iso, e boas políticas sociais e favorables aos traballadores e traballadoras teñen que ser reclamadas coma un todo compacto que axudase a mover a Historia na dirección social necesaria para os máis. En política nacional e de clase cabe o contentarse só cun pouco, sempre que non nos conformemos con tan pouco.

Suscríbete para seguir leyendo