Opinión | DE BOLINA

Para subir ao Ceo...

Máis unha vez –e dado que nos pasados días así a viñan recoller os diversos medios–, coido que todos os sempre moi amables lectores e lectoras destas crónicas semanais han de estar ao cabo da singular noticia: velaí, daquela, que un grupo de sacerdotes –de sacedortes católicos– da arquidiocese de Toledo, participantes nun debate (a ver: dun debate ou calquera cousa que Vdes. consideren: barallada, enredo, zarangallada cutre, patio de Monipodio...) a través de YouTube, andan a elevaren oracións decote para que o actual Papa de Roma ascenda presto para as alturas."Rezo moito para que o Papa Francisco poida ir ao Ceo (a máiscula é da colleita deste cronista, que non do crego en cuestión) canto antes”, foi explicar urbi et orbi cibernéticos o referido salvador de almas –é un dicir, claro é–, decidido lider da “movida” nada franciscana, responde o ghicho como Gabriel Calvo Zerraute. “Pois a ver se pregamos máis forte!”, retrucoulle moi axiña outro colega. O resto dos participantes presentes –cóntanse tres na gravación– sorríen e aproban a confidencia; e é que, polo visto, “somos moitos con esa mesma intención”, conclúe, da súa parte e máis que feliz, o referido Calvo Zarraute.

Como inxenuo vocacional que son, atrévome a xulgar, fronte ás estimanzas pesimistas, que o Ceo, o Paraíso está realmente moi poboado. Poboado, desde logo, de boas xentes a acreditaren en Deus, en Yahvé, en Alá, Vishnú e Shiva... ou aínda nas esencias cienciolóxicas do thetán –pero así mesmo habitado por bos agnósticos–“o Altísimo nunca se esquece deles”, Enrique Tierno Galván dixit– e aínda dun máis que considerable número de volterianos, revoltés, marxistas e marxianos diversos, vermellos variados de corazón limpo; e é que a Divina Providencia, para alén de misericordiosa, devén amable arreo cos fillos pródigos, apenas se precisa dun punto de contrición. “Todos eles pecaron e están lonxe da presenza gloriosa de Deus. Pero Deus, na súa bondade e gratuitamente, fainos xustos mediante a liberación que levou a termo Cristo Xesús”, escribiulles aos romanos Paulo de Tarso (3:23-24). “Vivo sin vivir en mí,/y tan alta vida espero,/que muero porque no muero”, confesou, do seu lado Teresa de Cepeda y Ahumada. Penso que cabe dubidarmos moito, moito de que o tal Calvo Zarraute e compañía fosen ler algunha vez os versos da santa abulense, polo que a súa persistencia en enviar para o outro barrio a Jorge Mario Bergoglio si que suscita de certo un par de reflexións histórico-sociolóxicas. Ou acaso mesmo, e mellor, no eido da paleontoloxía.

"Deberían saber os detractores de Francisco que para subir ao Ceo é preciso un pouco de graza. Pero eles non teñen ningunha"

A ver: dada a idade dos implicados –reiteremos: sacerdotes católicos que lle queren dar pasaparte ao actual Papa asemade que glorifican a vida e milagres de Francisco Franco, cuxa ditatura nunca tiveron que aturar–, entendo que o primeiro que cómpre considerarmos é qué clase de comida foi a que paparon no seu día no seminario e/ou degustan, agora mesmo, por certas parroquias de Toledo adiante. Cal clase de comida e, desde logo, con cales produtos lisérxicos veñen amenizar o seu tempo de lecer, non todo o branco devén azucre. Mais, en segunda instancia, o affaire obríganos aínda a reparar na posible rentrée, remake, secuela hard, contraataque zombi..., viaxe polo medio e medio de buracos negrísimos e túneles do tempo –eis as páxinas de determinada prensa dixital– por parte dunha dereitísima hispánica cuxas orixes cómpre procurarmos moi para aló da romanización: isto é, naquela xeira silvestre cando as tribos carpetovetónicas andaban a ouvear, día si e día temén, polo Sistema Central e mais a chairas das dúas Mesetas adiante.

“¡Lo que yo he unido en la tierra, no lo separa ni Dios en el cielo!”, vociferaba aqueloutro crego berlanguiano xenialmente interpretado por Agustín González. Trátase, entón, de curas trabucaires –como aquel Manuel Ignacio Santa Cruz, carlista a fusilar todo o que se movía arredor del cando non lle entraba aínda o capricho de precipitar as súas vítimas pola sima de Egusquiza–, que si que che podían dar a comuñón pero antes de tal, e sobre todo, coserche a cara a obleas. Fulanos, en fin, dispostísimos a queimaren, chegado o caso, o propio Xesús de Nazaret por mor das diversas veleidades –veleidades cristiás, desde logo– levadas a cabo polo galileo e/ou por algúns/as dos seus seguidores.

E non; non teñen graza–ningunha, por moito que algúns lles poidan rir a provocación– os cregos da facholandia toledana. Así pois, de non enmendaren as súas vidas, eles si que o van ter moi pouco doado: o de atinxiren o Paraíso, quero dicir. E é que, tal e como cantaba Ritchie Valens, “para subir al Cielo se necesita/un poco de gracia y otra cosita”.

Suscríbete para seguir leyendo