Opinión | Os Camiños da Vida

Nunha Europa sen Tolstoi

Banderas de la Unión Europea.

Banderas de la Unión Europea. / GUILLAUME PERIGOIS/UIMP

Leo, en medios de comunicación non centrais, cousas que discordan do pensamento hexemónico. Denúnciase coma tal o discurso de Ursula von der Leyen por belicista, ou sinálase a condena que moito pobo do mundo fai dos horrores sionistas contra o pobo palestino. De vez en cando insístese en criticar as propostas de ampliación do conflito ucraíno en tempos nucleares. Que a UE sexa unha dependencia (como o é a OTAN) dos EE UU é algo que raramente se di ou escrebe. Lembro eu agora que, cando se apagaban os ecos da proclama de Robert Schuman en favor da unión política europea, o Partido Galeguista no interior da España franquista decidiu adoptar a idea política europeísta. Así que Ramón Piñeiro liquidou o PG republicano de Castelao e Bóveda, prohibiu internamente o nacionalismo galego e ditou para os seus seguidores unha nova liña ideolóxica de carácter atlantista.

“Todo pobo que loita pola súa emancipación áchase só no mundo,” dixo alguén que puido ser Mao Tse-Tung

Nesta nova situación pro-occidental de Guerra Fría o nacionalismo era unha antigualla reaccionaria que, ao se dar o grande paso federal, Europa faría desaparecer ao mesmo que os centralismos abafadores das almas peculiares (digamos) de Galicia, Bretaña ou Euskadi. Estas “comunidades básicas diferenciais” sairían da escuridade da negación total para lumbrigar na Historia baixo o nome común de Europa. Esta alucinación non chegou, evidentemente, a se facer realidade. A esquerda abertzale vasca, ao se arredar do PNV, declarou a súa descrenza nos beneficios paradisíacos que lle podería reportar á súa patria un improbable enfeblecemento dos estados español e francés no seo da imposíbel federación europea. Case ao mesmo tempo o europeísmo foi rexeitado pola primeira UPG, neste caso auxiliada pola aportación teórica dun Partido Comunista Portugués, moi ben considerado polo buró do PCUS da URSS durante a Guerra Fría. Por entón, outros partidos comunistas oficiais sucumbiron á falacia do eurocomunismo e ollaron con benevolencia o desastre oscuro que supuxo o escachamento da Unión Soviética.

“Todo pobo que loita pola súa emancipación áchase só no mundo,” dixo alguén que puido ser Mao Tse-Tung. Aínda que a primeira proclama do dereito á independencia dos pobos foi a lanzada polos norteamericanos no século XVIII, o camiño da liberación foi e é coutado con frecuencia por estes EE UU ao eles se converteren no imperio que hoxe miramos abanearse con desconcerto.

Suscríbete para seguir leyendo