Ninguén repara no elefante

Xoel Ben Ramos

Xoel Ben Ramos

Saes á rúa e tópalo de fronte. Sorpréndeste polo seu tamaño. É enorme. Dicir enorme é pouco. É descomunal. Nunca antes viras un así, tan de preto. E mira ti, o que son as cousas, aí o está. E el, tan pachorrento. Dáste conta que ninguén se admira polo bicho. El tampouco parece incomodarse cos motores a ruxir e algún cláxon de premura a tocar. Comezas a andar e sentes a sua ollada. Segues sen explicarte como ningunha persoa está –man no móbil– gravando un vídeo nen hai uns tipos de protección civil controlando a situación –polo que puidera pasar– Nada. A piques de dobrar a esquina observas que o animal comeza a sua marcha. Avanzas a bo ritmo, xa son horas; en dez minutos toca choiar. En tanto cruzas pasos de cebra e das chimpos na selva de asfalto miras de esguello e fíxaste nel, continúa lonxe cun camiñar pousado. Segues sen explicarte o máis curioso do asunto, todos fan como que non está aí, nin o máis mínimo comentario. Nin chío. E mira que é un exemplar monumental. O caso é que por máis rúas e prazas que atravesas, por máis xiros que das, ao fondo sempre xorde el. Semella que te perseguira, só que, pregúntaste: “porque había facelo?” Un misterio esta criatura.

“Cando entras no ascensor advirtes que el nunca collería nun recuncho tan pequeno”

Cando entras no ascensor advirtes que el nunca collería nun recuncho tan pequeno e iso tranquilízate. E como vai subir seis andares? Décheslle esquinazo! Boa! Mais non, acendes a computadora e “oh!”, sentes o chan a vibrar, algo xigante mexese atrás túa. De novo el, aí o vai: tranquilo, tan calmo, movendo as orellas e dándolle ao rabo. Sen incomodar a ninguén, salvo a ti? Igual que acontecera na rúa, as persoas seguen co seu, ollando papeis e cun murmurio de conversas habituais. Subiría no montacargas?, ou peor... polas escadas? Mais o enigmático do asunto é: Por que está aquí? Nin idea. Logo tamén pensas no que comerá, porque do aire non se mantén. E se te ergues e vas ata alí? Como reaxirá? Poste de pé, achégaste ao seu carón, estendes a modo a tua man... ata que a baixas cun movemento veloz. Non, non o podes tocar. Se o fixeras a xente sospeitaría de ti, que algo te une ao coitado do paquidermo e xa logo esquécete; non te poderías desfacer del. Serías o responsable. Apesarado regresas á cadeira, “é o mellor nestes casos”, convénceste sen estar moi seguro. El continua ollándote, quedo. Pasan as horas, andas liado, e cando rematas fíxaste en que se mantén impasible no mesmo lugar. Permanece aí. Aínda.

E si, iso intrígame, por que nos costa tanto falar do suicidio?

Suscríbete para seguir leyendo