DE BOLINA

La, la, la…zorra!

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Segundo relatan con todo detalle determinados documentos –considerados de moi alto segredo até agora– gardados durante décadas nunha caixa forte especial procedente do Palacio de El Pardo, velaí que na noite do 6 de abril de 1968 houbo todo un intercambio de patrióticas, e moi exaltadas, chamadas telefónicas polos Madriles adiante e aínda algunha efectuada desde “provincias”. Xa nas primeiras horas da mañá –e ao longo de todo esa xornada– do día 7, e por expresalo dun xeito gráfico, “choveron” as peticións para ser recibido en audiencia por parte da máis alta autoridade que daquela residía nas citadas dependencias pacegas. Mais sen agardar tan sequera a confirmación, placet e/ou ordes pertinentes, non faltou aínda quen se debruzase sobre planos e mapas, a deseñar, febril, as liñas de asalto. De Xibraltar, claro é, pero asemade e no caso dos máis entusiastas, esoutras que levan cara ao Rosellón, a Cerdaña –franceses desde o Tratado dos Pirineos en 1659– e mesmo deica o Mar da Palha, ao pé de Lisboa. E é que, postos na tarefa de (re)atinxir a unidade peninsular e mais as rutas do Imperio, tampouco viña ser cousa de andar reparando en sutilidades diplomáticas.

La, la, la…zorra!

La, la, la…zorra! / Xosé Ramón Pena

Foi no Consello de Ministros celebrado tres días máis tarde, cando se foron enfriar os ánimos. Amodo, sen alzar a voz, Francisco Franco espetoulles aos presentes que xa considerara, da súa parte, a materia. Xa que logo, o Xeneralísimo tomara unha decisión definitiva ao respecto: todos quietos e parados. “Agradezco en lo que valen sus muestras de españolidad y pundonor. Pero como le comenté a Carmen mientras desayunábamos, al fin y al cabo, Eurovisión tan sólo es un festival de canciones. Retorne, pues, cada uno a sus tareas cotidianas, y no se metan en política. ”

Estou certo de que todos/as aqueles, sempre moi amables, lectores destas crónicas que, tal como lle acontece ao autor das mesmas, hai tempo xa que “peitean canas”, percibiron cal vén resultar o moi senlleiro evento que estamos a considerar. Trátase, e cómo non, do gran triunfo atinxido nesa data inesquecible do 8-IV-1968 pola moi inefable Dna. Massiel de España co seu dinámico “La, la, la” en terras da “pérfida Albión”, superando por un punto esoutra “Congratulations”, interpretada por Cliff Richard. Un pouco máis e a columna do almirante Nelson acaba demoucada daquela sobre as lousas de Trafalgar Square!

“Tan sólo un festival de canciones.” Andaba trabucado o invicto Caudillo en sentenzar de tal xeito semellante perspectiva. E tanto é así que, senón el mesmo, si que os seus parceiros, toda a propaganda alerta do réxime ben que se puxo a traballar –sen repararen en gastos no tocante ao luxo, boato e magnificencia derrochadas– para que a nova edición do certame, celebrada sobre o escenario do Teatro Real da capital das Españas o 29 de marzo de 1969, devise un acontecemento sen par para propios e alleos. Francia, os Países Baixos, o Reino Unido e mais a propia España –Salomé e “Vivo cantando”– obtiveron un compartido premio a catro patas ou, mellor, a catro voces.

“Apenas un festival de cancións”. A ver, poida que si se tratase de tal cousa cando os Abba e mais o seu “Waterloo” ou aínda con Salvador Sobral e “Amar pelos dois”. Porén, o certo é que Eurovisión foi derivando co paso dos anos: primeiro, e como quedou expresado, eis unha continuación da guerra –con perdón de Von Clausewitz– mediante redondas, negras…, corcheas…, fusas e garrapateas. A seguir, velaí o nostálxico refuxio do pop decadente (e hortera) en tempos de mando por parte do heavy metal, do techno pop, do acid house e mais o punk máis rabioso. Máis tarde, devalando en espazo para avós ye-yé desengaiolados e calvorotas, abraiados perante as inintelixibles estrofas do rap. Aínda despois, alzándose en xardín de infancia de “triunfitos” e mariachis adxuntos –véxase Rosa e “Europe’s living a celebration”–, antes de daren paso a esoutra epifanía friki de Roberto Chikilicuatre: “Lo bailan los brothers,/lo baila mi hermano./Lo baila mi mulata/con las bragas en la mano/. ¡Perrea, perrea!” En fin, xa arribados á hora presente –e revitalizado polas seccións máis fantasiosas do universo “queer”– como escintilante plataforma para o maior empoderamento feminista-fetichisa-“glam” ma non troppo, ao tempo que escándalo e aflición de toda vox populi resesa a enlamar(se) la “nochentera na fachosfera.” Xa saben Vdes.: “¡zorra, zorra, zorra!”

Como? Que non lles presta a escolla? Pois si que a levan clara! Como moi ben anunciou D. Pedro, se tal fose, castigados todos/todas/todes no patio. Sen bocadillo e “cara al sol”!

Suscríbete para seguir leyendo