A gratuidade da Educación Superior... a debate?

Alexandre Sotelino Losada*

Nos últimos días ten sido moi comentada unha das propostas da campaña electoral ao Parlamento de Galicia. O actual presidente Alfonso Rueda prometeu que no caso de renovar o cargo como xefe do executivo galego implementaría a gratuidade da primeira matrícula universitaria en todos os cursos de Grao.

Aínda que no Estado español xa se conta con dous modelos de bonificación total: Andalucía e Extremadura, estes difiren da proposta galega en tanto que nas dúas comunidades do sur só se fai a partir do segundo curso e vinculando á superación das materias.

A UNESCO tense pronunciado a este respecto nun informe publicado en 2021 baixo o título “Thinking Higher and Beyond Perspectives on the Futures of Higher Education to 2050” promovendo neste unha visión da Educación Superior como un ben público, accesible e democrático. Un ano despois, no 2022, o IESALC, tamén vinculado a UNESCO promove un documento máis acotado sobre a propia gratuidade onde se resalta que a cobertura das tasas é un salto importante na conquista da equidade no acceso ao ensino universitario, pero sen ser isto suficiente e tendo tamén que considerar outros obstáculos financeiros e sistémicos.

Tamén a conferencia europea de ministra e ministros con competencias en Educación Superior ten avanzado nesta liña. Na última xuntanza celebrada en Zaragoza o propio Joan Subirats (ministro de Universidades naquel momento) indicaba a importancia de loitar contra a segregación e o abandono na universidade. Para isto, entre outras medidas, acordábase avanzar nunha estratexia común que avanzase cara a gratuidade.

"Me congratulo que estean a xurdir propostas vinculadas a educación e a mellora do benestar, e non só cuestións que atenden a infraestructuras e obra pública"

Cabe sinalar, que a medida aínda que pode resultar moi novidosa no noso contexto é algo xa estendido por todo o mundo sendo moitos os estados que contan con prácticas desta índole. Cabe reseñar os casos de Dinamarca, Finlandia ou Suecia en Europa onde a bonificación é total. Noutros casos do noso continente podemos atopar a Alemaña, Francia ou Escocia onde existe un pago de taxas administrativas mínimo que dá acceso aos estudos superiores, pero sen que exista cargo económico polos créditos das materias.

Se cruzamos o Atlántico e imos cara o continente americano tamén podemos atopar modelos como o Arxentino con máis de 70 anos de traxectoria de gratuidade no ensino superior. Tamén podemos ver exemplos nesta liña en Bolivia, Cuba ou Venezuela onde a educación –en todos os seus niveis– é afrontada como un piar ideolóxico do estado.

En América do Norte, atopamos o caso canadiense que nun artigo de Pedro Fiorucci e Alejandro Antón na revista de Política Universitaria no ano 2021 presentan como un paradigma na xestión das matrículas universitarias, onde cunha “robusta batería de políticas” atende as demandas daquel alumnado máis desfavorecido. Neste mesmo informe sinalan a Sudáfrica e Chile como dous casos a atender nas súas políticas públicas en prol do acceso ao ensino universitario.

En definitiva, asemella que esta medida presentada para Galicia está amparada por un contexto internacional –e tamén estatal– no cal xa se ten avanzado nunha singradura en prol dun acceso equitativo e igualitario ao ensino superior. Claro está que se ten que seguir atendendo outros aspectos derivados do salto á Universidade como é a vivenda ou os custes de manutención, pero asemella que é unha proposta que ten acaído ben, e que non supuxo unha gran discusión polos partidos contrarios. Eu mesmo me congratulo que en precampaña estean a xurdir propostas vinculadas a educación e a mellora do benestar, e non só cuestións que atenden a infraestructuras e obra pública.

*Universidade de Santiago de Compostela

Suscríbete para seguir leyendo