Segunda Feira

Sobre Nóvoa

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

O presidente de Ecuador, Daniel Noboa, gasta un apelido orixinario galego que xa ten sido elucidado polos nosos onomasticistas. El provén remotamente dalgún señor medieval en ascenso que quixo darlle á súa casa nova (ou pazo, ou castelo) un nome lumbrigante. E, en latín mimoso, púxolle, á casa, Nóvula, carregando na primeira sílaba o acento tónico. Ou sexa que, aquel predio, quedou fixado nun diminutivo afectuoso cuxa tradución ao galego sería “a Noviña”. Outros topónimos singulares e saídos da clase dominante na Idade Media intentaron brillar na nosa paisaxe tradicional: Belvís, Bocomezo, Miragaia, Catasós, Lucenza, que poden conducirnos, mesmo, a aquel castelo de Miraflores que foi residencia de dona Oriana nas páxinas do Amadís de Gaula. Aquela Nóvula, esquisita e única, galeguizouse consonte ás leis da gramática histórica en Nóvoa.

"Sábese hoxe certo que o apelido Nóvoa, escríbase e pronúnciese coma se queira, procede dunha aldea do Ribeiro"

Hoxe a freguesía ou parroquia de Santo Estevo de Nóvoa pode ser visitada no concello ourensán de Carballeda de Avia, á carreiriña dun can da vila de Ribadavia. Sábese hoxe certo que o apelido Nóvoa, escríbase e pronúnciese coma se queira, procede desta aldea do Ribeiro que acabamos de citar. Nun intre indefinido do Medievo, houbo xente Nóvoa que agatuñou até o cumio do poder feudal. Co cal moitos servos e súbditos adoptaron o apelido Nóvoa dos seus señores. O catálogo da heráldica amósanos distintos brasóns atribuídos a casas ditas de Nóvoa. Nun deles figura unha aguia cortada ao medio. “NON BOA”, apresurouse a exclamar o heraldista, e naceu unha lenda da orixe do apelido Nóvoa que xa ninguén toma en serio. Por outra banda, tense escrito moito Nóboa en lugar de Nóvoa. O que contradí a etimoloxía e actual ortografía do galego. O uso do b en Nóboa, segundo certas opinións, constituiu un caso de afectación vasquista. En tempos xa idos tamén foron considerados vascos, e ben erroneamente, os nosos apelidos Valboa ou Ulloa.

De todos os xeitos, e para os lingüistas científicos contemporáneos, a forma escrita Nóvoa segue a ser a referencial e preferíbel. Para rematar, o corpo pídeme facer acordanza de João da Nova, que foi Nóvoa. Este navegante galego de fins do século XV e primeiros do XVI descubriu para Portugal, entre outras illas, a de Santa Helena na que Napoleón viviu preso os seus días derradeiros. E venme a acordanza o mellor narrador galego de fins do século XIX, que foi Francisco Álvarez de Nóvoa. Casas e Nóvoa, Paz Nóvoa, Nóvoa Santos, Leopoldo Nóvoa e unha moitedume de ilustres cons este apelido peta por entrar na presente columna que acaba de encher o seu aforo.

Suscríbete para seguir leyendo