Queremos tanto a Ledicia

Lembrando a Agustín, a Xabier… e a Suso

Paz Raña Lama

Coñecinte moito antes de que fondeases no meu instituto para hipnotizar a un auditorio xuvenil, para seducilo con ese teu don que supoño te acompaña dende que colliches por vez primeira un lápiz e deitaches borranchos de cores nos folios primixenios.

Aí debeu de comezar a túa maxia coa escrita!

Fun testemuña do teu impulso creativo e da maravillosa obra literaria que gozosamente ías tecendo. Os reloxos comezaban a marcar días máis longos e máis luminosos.

“Denantes de coñecérmonos xa nos abrazabamos nos nosos nomes”, fermosura de Montaigne que asocio coas incribles, conmovedoras palabras que escribiches a Hematocrítico. Cando vía os retratos que asomaban ás redes, o teu ollar e o seu ollar deviñan nunha potente espiral de significados, un fulgor singular a xeito de milagre. Xuntos, soubestes recrear un diálogo esencial entre a literatura e a vida.

Coincidín con vós xuntos canda o florecemento dos tilos en dúas ocasións, e nas dúas, por delirios do azar, eu ía acompañada dun amor oncolóxico vernizado de opioides que lle outorgaban unha falsa aparencia de ebriedade. Algo semellante a un wonderland diverxente. Mágoa, non puiden falar con vós.

Sempre pensei que os soños son divisibles por realidades fragmentadas e na vosa historia había que ensanchar a fascinación dos relatos e poñer mans ao teclado, crear un tráfico incesante de palabras, tomar un café, e con esa visión do escenario literario alumear libros radiantes, ducias de espigas na procura de amparo da lectora voraz. Que fortuna! Conseguir o devezo da infancia, da vida.

E só por iso, e só por tanto, e só porque mañá foi onte, moito alento, Ledicia! Oxalá transgredir o pesadelo recurrente, descoidar que estamos no inverno, reconverter o tempo transitivo en presente continuo e fartar a fame de luz co recordo do home que nunca se vai.

Suscríbete para seguir leyendo