Os Camiños da Vida

Ecuador como pretexto

Xosé Luis Méndez Ferrín

Xosé Luis Méndez Ferrín

O pazo do parlamento de Quito vale no mundo por unhas pinturas de Oswaldo Guayasamín. Elas son expresión plástica de varias centurias de opresión dos pobos orixinarios que viven en territorio do Ecuador (e noutras repúblicas). En Ecuador acaba de gañar as eleccións Daniel Noboa, un xove oligarca movido polos EE UU que non dará reconstruído aquel país que humilla un capitalismo cego, violento e á marxe da lei. Non creo que o presidente Noboa saiba que o seu apelido é de procedencia galega nin que cousa sexa Galicia. Posibelmente chegase a el, en troques, o mito hispanoamericano (e non só) de que Noboa, con Valboa, Ulloa e outros que soan parecido a Bidasoa, sexan apelidos vascos levados alén mar por conquistadores e próceres moi distantes no tempo.

"O fogar primixenio do apelido Nóvoa sería a marxe dereita do río Miño nun territorio que vai, impreciso, da Ponte de Canedo á parroquia de Santo Estevo de Nóvoa"

En todo caso, Noboa máis correcto sería se se usase como esdrúxulo e con uve dado o étimo latino Nóvula de que provén. Nóvoa –digámolo xa– é apelido toponímico, e todos os Nóvoa de Galicia e do mundo, graficamente correctos ou desviados, veñen da fregresía dita Nóvoa e pertencente, desde o século XIX, ao municipio de Carballeda de Avia, cabo de Ribadavia e na grande caeira da Serra de Avión. Non hai outro lugar Nóvoa en Galicia nin fóra, que se saiba. Trátase dun topónimo meliorativo e único para designar unha fortificación gabándoa de “noviña” e de “xeitosa”, que iso é o que se quere decer dicindo Nóvoa. Pertence Nóvoa ao colectivo de nomes que algúns felices fundadores impuxeron fachendosamente ás súas casas máis ou menos fortes e singulares: Belvís, Catasós, Miraflores (a da Oriana do Amadís), Bemposta, Contrasta, Miragaia, e así. Coido que a torre de Nóvoa desapareceu por completo e que so fica dela a imaxe repetíndose nos debuxos heráldicos. Nóvoa (por veces grafada con b) foi apelido de fidalgos e tamén usado polo común das xentes.

O fogar primixenio do apelido Nóvoa sería a marxe dereita do río Miño nun territorio que vai, impreciso, da Ponte de Canedo á parroquia de Santo Estevo de Nóvoa. Observo que en Galicia existe tendencia de algúns Nóvoa a se converteren en Novoa, tendencia tal vez ralentizada á medida que nos achegamos ao núcleo primitivo do apelido. Sábese que, en 1061, Fernando I lle quitou a Terra e o Castelo de Nóvoa á condesa Odricia e ao conde Munio Rodríguez. E figuras que beneficiaron a cultura galega foron Fernando Casas e Nóvoa, arquitecto xenial do obradoiro; Francisco Álvarez de Nóvoa, ilustre narrador galego; Roberto Nóvoa Santos, médico e ensaísta antropolóxico; ou Leopoldo Nóvoa, mestre da abstración plástica no século XX. Aínda queremos relembrar a João da Nova (ou De Nóvoa), navegante ao servizo de Portugal que, no fío dos séculos XV e XVI, descobriu a Illa de Santa Elena na que habería de esgotar os seus días Bonaparte.

Suscríbete para seguir leyendo