Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A mellor medicina

Contan que, xa rematada a Segunda Guerra Mundial, alguén lle foi preguntar a Winston Churchill: “Sir, non sería mellor para Vde. deixar de fumar e asemade abandonar o alcohol ou, polo menos, reducir o seu consumo?” Coido ben que ningún político actual –con excepción acaso do dimitido Boris Johnson; e non digo nada, pero o caso é que así lle foi– permitiría nin por equivocación que lle tirasen unha das, moitas, fotografías nas que o célebre primeiro ministro da Gran Bretaña aparece chuchando, feliz, dun moi lexítimo habano e/ou a gorentar unha ben cumprida copa de single malt, coñac francés ou brandy español. Segundo a propaganda do III Reich, o Reino Unido non tiña nada que facer, dirixido como estaba por un borrachuzas semellante; ben polo contrario, a Alemaña do arreo abstemio Adolf Hitler había de gañar a contenda si ou tamén.

Sostén, da súa parte, un amigo de meu que estamos a vivir tempos difíciles, que el define como os propios “dunha ditadura médico-… ista” –en realidade, onde eu poño “…ista”, el sitúa outro termo máis contundente–. “Desde logo, se algúns dos meus colegas soubesen o que opino, de certo que me acribillarían!” –apostila– “Pero as cousas como son: sempre coa escusa por diante de procuraren un suposto ben común e público, velaí os tes: médicos metidos a políticos e políticos metidos a médicos pretendendo dirixir as vidas dos demais ata nos recantos máis íntimos. O noso deber é proporcionarlle á xente un servizo competente, con independencia profesional e moral e, sobre todo, con compaixón e respecto pola dignidade humana. Temos a obriga de informar, non de aterrorizar!”

Doutores, e nunca mellor dito/escrito, ten a Igrexa. Doutra parte, sentenza aqueloutro adaxio aquilo de “zapateiro aos teus zapatos” (e cronista ás túas crónicas, claro). Non obstante, non me podo retractar: en efecto, coido que non habitamos –para alén das referidas ao eido da economía– nun país de países de tendencias liberais. Antes ben, cando aquí alguén fai alusión á liberdade, o que en realidade busca acadar non é outra cousa máis que a súa propia querencia para facer o que lle pete, nunha sorte de epifanía burguesa e guay del Paraguay. Os demais? No mellor dos casos, que cadaquén se apañe como poida. No peor, sabido é que o populacho so aprende a base de tunda, tunda.

Mais ben a conto todo o anterior porque –como talvez coñezan os, sempre moi amables, lectores– velaí que nos pasados días daban noticia os diferentes medios respecto dun concidadán ao cal o TSX dos Madriles viña de confirmarlle a pertinencia dun despido disciplinario toda vez que, segundo os señores maxistrados, a inxesta de bebidas alcohólicas devén incompatible coa medicación antidepresiva receitada por un especialista ad hoc quen, alén diso, lle fora asinar ao réprobo un parte de baixa médica. Vaia; que se estás melancólico e chutándote trankimazin, o que tes que facer é meterte na cama e nada de andar por aí de bares (e xa non digamos, claro, outros lugares de pecado) e “alpistes” varios. Traducido: aquí, nada de poñerlle un vela a Deus e outra ao Outro, en plan enxebre; o monopolio yonqui ten de estar en boas mans. Prozac, si; albariño, caca.

"...Pero teña en conta que tería sido moitísimo peor para a Gran Bretaña"

decoration

“Non se trata diso que cantan Los Secretos (“quiero beber hasta perder el control”) pero tanto nós mesmos como os xulgados –insiste o meu interlocutor galeno– viñamos sendo flexibles cando hai enfermidades psicolóxicas de por medio, entendendo que viaxar, practicar deporte ou saír de festa son actividades que poden resultar beneficiosas para o doente. Pero agora, con estas novas sentenzas… Seica, ao pobre desgrazado, lle puxeron enriba un detective. Un detective, din! E por que non a Gestapo!? –exclama–. Amigo meu, imos todos para o atallo!” Reitero, da miña parte, o de “doutores ten a Igrexa”; mais xa postos a enunciar citas musicais, velaí esoutra que afinaban os de La Quinta Estación: “No es que sea el acohol/la mejor medicina,/pero ayuda a olvidar/cuando no ves la salida.”

En fin, en calquer caso, tampouco debe tratarse a cousa da Apocalypse Now cando nos consta ben que foi El mesmo quen o consagrou durante a Derradeira Cea. Polo demais, pura coherencia, non figuran nos xulgados denuncias por parte do Vaticano contra os adegueiros napolitanos que producen o “Lacryma Christi.”

“Verá Vde. –respondeu Churchill, ao cabo–. Leva toda a razón en que sería moito mellor para min deixar de fumar e de beber. Pero teña en conta que semellante decisión tería sido moitísimo peor para a Gran Bretaña!”. Certamente, quedou dito/escrito máis arriba, non hai agora mesmo políticos que se deixen fotografar fumando e/ou bebendo como fixera o gran Winston. Claro é que tempouco os hai que, coma el, parezan capaces de enfrontarse, e derrotar,os nazis.

Compartir el artículo

stats