Opinión | Os Camiños da Vida

O 22 de Policarpo Sanz

Otero Pedrayo, na súa novela “Devalar e con moito respecto”, menciona as librarías viguesas da “Rúa de Policarpo”. Os derradeiros carros urbanos de eixo de ferro, cos enormes bois de corna intimidante, transportarían o perpiaño para a casa de Sanchón, Policarpo Sanz 22. Nela coñecimos o despacho de Valentín Paz Andrade e alí foi a redacción da revista ‘Industrias Pesqueras’ (e doutras publicacións). Choutan as lembranzas a causa da fotografía publicada por FARO DE VIGO (18.8.2022) como ilustración dun texto de Patricia Hermida.

Vese, en primeiro plano, a imaxe do polígrafo e avogado preso na cadea de Vigo. O rostro de Paz Andrade revélase por tras dunha grade de ferro. Sen dúbida o lugar que se destinaba á comunicación de xuíces e avogados cos presos. Paz Andrade amosa un xesto contido. El fora aferrollado alí sobre 1955 por orde do comandante de mariña, que non fora gustante dun artigo aparecido en ‘Industrias Pesqueras’.

O caso é que o franquismo odiaba a Valentín Paz Andrade. Até o punto de que chegou a figurar o seu nome nas listas negras do 23-F. Tamén nos anos 50 do pasado século, Paz Andrade fora dando a coñecer no xornal ‘La Noche’, en forma de folletón, parte sustanciais dun verdadeiro programa político-económico do nacionalismo galego que vería, co título de ‘Galicia como tarea’, a luz en Bos Aires.

“Aquel belo edificio foi un retábulo no que se debuxaban as correntes políticas democráticas do século XX”

As forzas represivas vixiaban os pasos que o avogado daba, con circunspección, en política. Nos anos da súa derradeira detención, Paz Andrade atendía, no despacho de Policarpo Sanz, alén de aos clientes, ás súas obrigas como experto da FAO e a unha rede fecheira de relacións antifranquistas.

O edificio en cuxo baixo abría as portas a drogaría de Natalio Sanchón albergaba tamén a oficina doutro avogado, José López Varela e, por parte, a clínica oftalmolóxica de Antón Beiras. Un e outro eran coñecidos polas súas conviccións democráticas. López Varela fora director xeral e subsecretario na II República e estivera afiliado ao lerrouxismo.

En canto ao doutor Beiras, este non agachaba nin o seu galeguismo lingüístico radical nin as súas ideas de esquerda en tempos de Guerra Fría. Todo o cal convertía aquel belo edificio de Policarpo Sanz que fora proxectado por Francisco Castro Represas nun significativo retábulo no que debuxaban o seu labirinto as correntes políticas democráticas do século XX. Casa, a de Policarpo Sanz 22, que habería de dar cobexo a diversas asociacións e partidos progresistas a partir da Reforma borbónica. Falamos da casa ateigada de pequena historia que os estudosos da arquitectura galega contemporánea soen definir como racionalista e levemente continuadora dunha art déco máis ben evoluída.

Suscríbete para seguir leyendo