Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Voces no escuro

Pouco antes da vitoria aliada na II Guerra Mundial, a oposición galega antifranquista reorganizábase en dous bloques. Un, o galeguista /nacionalista e, outro, o comunista. Desapareceron as formacións republicanas en canto o PSOE se deitaba a durmir un sono do que non acordaría até a morte de Franco.

En fogares que dispuñan dalgúns recursos e no que se agochaban simpatías republicanas, multiplicaronse aparatos de radio potentes, auxiliados por antenas e dotados de onda curta. Neles soaban voces iluminadoras da escuridade franquista. A rodiña do receptor procuraba, con fame, as palabras da esperanza. Foi moi sintonizada a que se chamaba Radio España Independiente. Estación clandestina pirenaica, órgano do PCE e da UNE que se refería moito ao Exército Guerrilleiro que loitaba en Galicia. Esta emisora, e tras o berro de “¡Fuera Franco y la Falange del poder! ¡Viva la República!”, lanzaba ao espazo un sonoro Himno de Riego.

Logo viría a Radiodifusión Francesa co discurso impecábel do Padre Olaso, coma tal en favor do dereito á folga, que desataba a cólera de Eijo Garay nos seus veraneos no Castro de Vigo. Podíase dar unha volta por Radio Club Português por simpatía lingüística, pero ninguén sospeitaba que tal estación había de acoller, despois da Revolución de Abril, un programa antifranquista producido pola UPG.

Eran días de terríbeis inundacións que moita xente, de xeito apocalíptico relacionaba coas bombas atómicas que achandaran Hiroxima e Nagasaki. Aqueles veráns foron calurosísimos e polos camiños vagaban, esqueléticos e coxos, os cans danados.

Entre as emisoras preferidas en Galicia encontrábase a BBC de Londres. As esquerdas de Galicia levaron unha grande alegría ao coñeceren pola BBC que o goberno de Atlee nacionalizaba unha porción básica da economía británica. Foi entón cando George Hills, hispanista próximo ao Foreign Office, apadriñou unha sección radial en galego dentro da programación da BBC para España que el dirixía. A emisión galega da BBC estivo no ar, entre abril (día 14 ) de 1947 e xaneiro de 1956, coordinada polo xornalista Alexandro Raimúndez. A nosa lingua foi lanzada as ondas neste programa que acolleron con entusiasmo moitos asiduos galegos da radiofonía. Os profesores Afonso Vázquez Monxardín e Antonio Raúl de Toro téñenlle prestado especial atención ao acontecemento político e intelectual de que tratamos na presente columna.

Compartir el artículo

stats