Opinión | DE BOLINA

Poder brando

Sen dúbida, han de resultar uns cantos/moitos aqueles de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, que deveñan cumpridos coñecedores do termo e mais das súas características e consecuencias. Non obstante, e “por se é caso”, déanme licenza aínda para refrescarmos un anaco as memorias.

Foi o xeopolitólogo e profesor da Universidade de Harvard, Joseph (Joe) Nye quen veu acuñar por vez primeira o vocábulo –“sotf power” (‘poder brando’)– desde as páxinas de dous volumes da súa autoría, publicados en 1990 e 2004, o último dos cales titulado, precisamente, Soft Power: The Means to Success in World Politics. Pois ben; de acordo sempre co profesor Nye, o “poder brando” describe a capacidade dun actor político para incidir sobre as accións e/ou sobre os intereses doutros actores, empregando para tal proceder medios de carácter ideolóxico-cultural (co complemento, iso tamén, desoutros de índole diplomática). Por máis que non se trate aínda dos únicos depositarios de semellante activo, o poder brando dos diferentes estados reside, daquela, en tres recursos fundamentais: a forza cultural, os valores político-ideolóxicos e tamén as políticas exteriores (na área ideolóxico-cultural) levadas a termo. Deste xeito, unha nación pode atinxir os obxectivos que persegue porque outros países, que admiran os seus valores e aspiran a emular asemade os niveis de prosperidade e prestixio do modelo, busca seguir o ronsel marcado por aquela.

“Se ben que os máis cínicos retrucarán que perdemos por completo a nosa influencia e que todo o poder que tiñamos nos inicios do reinado de Isabel II desapareceu, o certo é que, mediante a Commonwealth, corenta e cinco nacións continúan a experimentar arreo a influencia británica. Isto deunos un enorme poder brando do que xamais viñeramos desfrutar”: velaí a sentenza do historiador Robert Lacey logo das recentes celebracións do Xubileo de Platino da soberana británica. E ben, de acordo: poida que, diante de semellante exuberancia, non falte quen compoña un aceno de ironía. Mais con todo, e considerando da súa parte un conxunto de seis factores –cultura, empresa, educación, compromiso, goberno e dixitalización–, eis que na clasificación do “poder brando” mundial disposta por varias afamadas universidades norteamericanas, o Reino Unido figura, en efecto, no posto número 1. Tras dos británicos continúan logo na escala Alemaña, Estados Unidos e Francia. “E España?” Pois España, e sempre de acordo coa referida valoración, anda polo número 14 nunha listaxe de 30 estados de todo o mundo. Vaso cheo? Vaso baleiro?

"Non son quen o Estado español e arrabaldes de implementar todo o seu poder brando en potencia"

Certamente, determinadas conxunturas son como son, e tal semella, en consecuencia, que non lle haxa moito que facer. Poño por caso: está claro que unha cousa é resolveren eles con James Bond, 007, e outra, moi diferente, contarmos nós co excomisario Villarejo. Difícil comparar, así mesmo, The Beatles e The Rolling Stones, dunha banda, e todo o tsunami de reguetón, doutra, que nos asulaga sen remedio. En fin, se a cousa vai referida ás monarquías imperantes en cada lugar, e tamén aos deportes náuticos, no Reino Unido poden presentar a Súa Graciosa Maxestade e mais a tradicional Oxford vs. Cambridge. Aquí… a ver; aquí dispoñemos do “Bribón” e das regatas de Sanxenxo.

Coido que concordaremos ben en que do Río Grande á Terra do Fogo hai pero que moito espazo digno dun mellor aproveitamento.Porén, desde Fernando VII á actualidade, o caso é que nin o Estado español e/ou os seus arrabaldes se mostraron capaces de artellar, organizar, atesourar… todo ese enorme soft power/poder brando en potencia. Como tampouco semellan os nosos poderes públicos –e privados– especialmente hábiles (e os moi reiterados affaires cos estados do outro lado do Estreito constitúen toda unha evidencia) no tocante a introducirmos, establecermos –implementar, que agora está na moda– modelos españois por terras do Magreb adiante. Claro que, xa postos, tampouco é que adiantásemos moito respecto a sabermos abordar coa debida intelixencia as posibilidades que nos ofrece a espléndida e plural paisaxe interna, desde o Matxitxako a Tarifa e desde as praias catalás a estoutras de Samil e Riazor, coa Meseta e mais os Madriles polo medio. En fin, tal e como escribiamos a semana pasada, acontece que o noso (anti)liberalismo perenne dá para o que dá.

Imposible, xa que logo, para os oportunos efectos a Segunda Restauración, cabería o horizonte da República? A ver; talvez con Rafael Nadal de presidente…