Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Multiespaña

“Case como nun desfile”. Non cabe, desde logo, ningunha dúbida –e malia os malos momentos depresivos, “os meus cans negros” dicíalles el, que tiña que domesticalos con tesón decote– de que Winston Churchill se amosou, ao cabo e no transcurso do seu percorrido vital, como un optimista afouto ou, mellor aínda, como alguén que resulta ser dono dunha vontade optimista excepcional. Mais o certo é que a realidade dos feitos ensina, porén, que o desembarco de Normandía –a pesar de que viñese significar o principio da fin do predominio nazi na Europa occidental– non se conduciu precisamente dun xeito tan lixeiro como esas mesmas palabras do premier británico parecen suxerir:o cemiterio norteamericano situado no alto do acantilado que domina a Praia de Omaha, próximo a Coleville, dá perenne boa proba de tal acontecer.

Nin que dicir ten, nada máis lonxe do ánimo do parágrafo anterior que buscar establecer calquera sorte de comparación entre aquela xornada senlleira e esoutras que está a vivir na hora presente D. Alberto Núñez Feijóo polos Madriles adiante.Iso si; lembrarmos apenas que calquera especie de desembarco, incluso cando se leva a termo entre terras de secano, non está nunca exento de riscos: do perigo, claro é, procedente das defensas inimigas pero así mesmo desoutro “fogo amigo” que, queiras non queiras, tamén pode producir máis dun, e de dous, estragos.

“Un desembarco cordial, pero un desembarco no que, queira non queira, Núñez Feijóo ha de mollarse”

decoration

“España non é un estado plurinacional, non o foi nin o será”: velaí a rectificación de D. Alberto –recén desembarcado, desta vez, en Ceuta (e non sei se tamén en Perejil)– logo de que o coordinador xeral do seu propio partido, D. Elías Bendodo, asegurase uns días atrás que España si “é un estado plurinacional, e Cataluña unha das nacionalidades que o integran.” En fin, toda unha sentenza que, como era de agardar, foi suscitar, e segue a facelo, toda clase de matizacións, comentarios, notas a pé de páxina... por parte de analistas de postín (e postineo), glosadores, intérpretes e eséxetas mil así propios como alleos ou teoricamente neutrais. “Federalismo cordial” si ou non, xa que logo? “Donde dije digo digo que dije o dije que digo o qué sé yo!?” . Con Dna. Isabel Ayuso e mariachis adxuntos a miraren de esguello, tal semella que o Sr. Núñez Feijóo ben puidese acabar no labirinto de facer(se) trampas ao solitario.

Porque sucede que, se dunha parte, aceptamos que España existe desde que Isabel e Fernando artellaron aquilo de “tanto monta, monta tanto”, non caben incertezas arredor de que si: en efecto, España foi no pasado un estado plurinacional –como asemade pluricultural, plurilingüístico e mesmo plurirrelixioso–. E iso durante séculos nos que, como é ben sabido, o sol nunca marchaba a durmir nos dominios dos monarcas hispanos.

Pero se acudimos agora á lexislación vixente acontece tamén que o Artigo 2 da Constitución de 1978, ao tempo que promulga a “indisoluble unidade da Nación española”, declara a seguir que esta “recoñece e garantiza o dereito á autonomía por parte das NACIONALIDADES e rexións que a integran”.Polo demais, se atendemos agora ao que, á súa vez, manifesta o Artigo 143, capítulo Terceiro do Título VIII, sucede que, ao amparo do mesmo, non só Galiza, Cataluña e mais o País Vasco senón tamén Andalucía, Aragón, as Illas Baleares, as Canarias e a Comunidade Valenciana se conforman como “nacionalidades históricas”. En fin, cousas do “café para todos”, que lles vou contar de novo a Vdes. ao respecto?

Un novo acordo eal entre os tres pés do banco –centrodereita, centroesquerda e nacionalismos periféricos–: velaí a proposta, entre outros, de Pasqual Maragall nos seus tempos de presidente de Cataluña. As derivas actuais de Madrid e Barcelona non parecen auspicialo agora mesmo. Porén, se o Sr. Núñez Feijóo pretende de veras algo máis que atinxir o poder polo poder, aproveitando a evidente desorde da casa (nada común) da esquerda, e deixar boa memoria, tal podería resultar o(s) seu desembarco(s). Un desembarco “cordial” –como a el lle presta–, pero, iso tamén, un desembarco no que, queiras non queiras, ha de mollarse. E é que quen queira percebes...

Compartir el artículo

stats