Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Luto en la cultura

Ledicia Costas

Escritora

O escritor coa alma azul

Domingo Villar y Ledicia Costas, en una foto reciente. Ledicia Costas Twitter

Sempre pensei que escoller Vigo coma escenario central das súas novelas era para Domingo Villar un xeito de regresar á casa, de estar a salvo desa dor estraña que provoca a distancia. Linlle unha vez unha entrevista onde definía a Leo Caldas, o popular inspector protagonista das súas novelas, coma un home piadoso, que ten nas súas mans a posibilidade de facer máis levadeira a dor das outras persoas e que a iso se entregaba en corpo e alma. Impresionoume o xeito que tiña de describir a Caldas. Sempre me pareceu que Domingo falaba de Leo coma se fose de carne e óso e non un personaxe de ficción. Coma se o autor lograra ir comprendendo o seu personaxe co paso dos anos a base de meterse na súa propia pel. Conseguiu facelo de verdade. Non semella difícil imaxinar a Domingo mantendo unha conversa con Leo, nun serán calquera, na Travesía da Aurora, no interior da Taberna Eligio, falándolle nun ton íntimo, con ese ritmo pausado e doce que el tiña. Domingo era un home que te miraba aos ollos.

Poñer Vigo no centro da súa obra literaria foi un acto de amor. O Vigo de escamas, de abrentes desafiando o cemento, coas sirenas dos barcos botándolle un pulso á néboa e o mar coma pano de fondo. O Vigo das tabernas, do ritmo industrial, da vida que ás veces semella arrastrarnos cara lugares onde non queremos estar. Como agora.

33

Muere Domingo Villar, el escritor que catapultó a Vigo al 'best seller' R. V.

O Vigo das novelas de Domingo é, dalgún xeito, unha transcrición do Vigo do seu corazón. Camiñar as rúas dos seus libros vai ser, de agora en diante, unha especie de travesía emocional que non podiamos imaxinar e para a que ninguén nos preparou. Non sei cantas historias lle quedaban por contar. O que si sei é que despedimos a un dos máis grandes referentes da novela negra. Un autor de raza, que soubo chegar a milleiros e milleiros de lectores e lectoras esquivando con astucia a grandilocuencia. Gustábame moito a súa naturalidade, o seu ton afectuoso. Sacaba da manga da camisa unha palabra cariñosa coma quen saca un paxaro branco cando non agardas un truco de maxia.

Hoxe é un día tristísimo. Perdemos un compañeiro co que xa non poderemos volver brindar pola vida. «Está nos libros que escribiu, de aí non marchará nunca», pode retrucarme alguén. Está, claro que está. E talvez o acto de amor máis grande sexa lelo, recomendalo, eloxialo. Porque, dalgún xeito, o feito de entregarse ao oficio de escribir concédelle o don da inmortalidade. Leo Caldas tivo un creador que foi quen de facelo brillar e iso está ao alcance de moi poucos escritores. Nesta xornada de loito, a Cidade de Vigo chora a perda de Domingo Villar. Mais temos por diante a oportunidade de celebrar a súa literatura con paixón, que era exactamente como el abordaba o seu traballo. Desde as páxinas deste xornal, abrazo con forza á súa familia, a de sangue. Mais tamén abrazo á súa familia literaria, a Editorial Galaxia, a casa onde publicou toda a súa obra en Galicia. Para min, os libros de Domingo sempre terán a alma azul, coma esa ría que Leo Caldas nunca deixará de contemplar coa súa particular melancolía. 

Compartir el artículo

stats